CONCELLO
Metalmanía tributa á lendaria Metallica cun espectáculo deseñado para o público familiar O Auditorio Municipal de Vilagarcía acolle o sábado, 8 de febreiro, “Metalmanía”, un tributo á mítica banda Metallica dirixido ao público familiar. O potente son do metal rock do grupo estadounidense interpretado en directo pola única banda tributo que eles teñen recoñecido en España, compartirá escenario con xogos e animación para que nenos e adultos gocen por igual da música de Metallica. As entradas xa están dispoñibles a través de http://www.ataquilla.com e no teléfono 902504500.
20.01.2020.- O concerto “Metalmanía Family Session” terá lugar o 8 de febreiro ás 17.30 horas. As entradas custan 12 euros na venta anticipada (máis custes de xestión) e o mesmo día do espectáculo estarán á venta na billeteira do Auditorio a 15 euros. Para facilitar a asistencia en familia, lánzase unha oferta de desconto que permite comprar 4 entradas pagando só 3.
Metalmania Family Sessions achega aos máis pequenos ao mundo do rock e devolve aos adultos a experiencia dos mellores directos. Unha experiencia única que adultos e cativos quererán repetir, como cada ano se confirma na xa clásica cita anual que as Family Sessions de Metalmania ofrecen na coñecida sala Zentral de Pamplona.
Trátase dun espectáculo adaptado a todas as idades de forma que nenos e adultos poidan gozar e vivir a alma e a música dun clásico do rock. Interacción total, atrezzo de escenario, efectos, vídeo proxeccións, dinámicas, unha presentadora -condutora do evento, instrumentos inchables, integración de xogos clásicos co mundo dos concertos puramente rock, e durante todo o show, a compañía e impulso de animadores que farán as delicias dos máis cativos (coa satisfacción que aporta tamén aos seus pais velos gozar así).
Unha banda con moita experiencia
Xurdidos en 2001, cando o concepto “tributo” apenas se coñecía no noso país, Metalmanía atesoura xa case 20 anos de experiencia sobre os escenarios cos seus máis de 600 concertos ao longo de toda a península, dende salas e recintos pechados a festivais tan importantes como o Viña-Rock, Extremusika, En Vivo, Festival do Oeste, etc… MetalmanÍa vai máis alá do “tributo”, é unha banda enfocada ao directo cun espectáculo de dúas horas de duración e unha gran posta en escena.