EMPREGO
As axudas municipais á contratación por conta allea beneficiaron a 14 traballadores de distintas empresas da zona Un total de 14 traballadores de Vilagarcía accederon a un contrato laboral por conta allea ou consolidaron a súa situación laboral en empresas da zona grazas ás subvencións que o Concello de Vilagarcía concedeu en 2019 a distintas empresas do municipio e da súa contorna. Estas axudas municipais convocadas pola Área de promoción Económica e Desenvolvemento Local teñen como obxectivo fomentar a creación de emprego e contribuír á estabilidade e mellora das condicións laborais dos traballadores empadroados na cidade. O importe total das subvencións concedidas o ano pasado a través deste programa ascendeu a 37.250 euros.
10.01.2010.- As axudas municipais á contratación por conta allea foron unha medida creada hai catro anos polo executivo socialista no marco das políticas locais de fomento do emprego e de promoción económica. A convocatoria persegue potenciar a creación e mantemento do emprego por conta allea mediante incentivos económicos ás empresas. Trátase dunha acción máis para tratar de provocar o descenso dos índices de paro entre os vilagarciáns, loitar contra a precariedade e a temporalidade laboral e ir avanzando na consolidación do emprego xa existente. Por iso, ademais dos contratos de nova creación, considéranse subvencionables a través desta liña de axudas as contratacións indefinidas, conversións en indefinidos de contratos temporais ou de duración determinada, así como os temporais con duración mínima de 6 meses.
O importe máximo da subvención por cada contrato laboral ascende a 3.000 euros, e en cada convocatoria, unha mesma empresa so pode optar a axudas para un máximo de 3 contratacións. Todas as subvencións concedidas o pasado ano foron solicitadas por empresas diferentes, é dicir que se subvencionaron 14 contratos en outras tantas empresas de diverso tamaño e sectores. Cinco das propostas recibiron a axuda máxima de 3.000 euros, mentres que outras seis se achegaron moito, con subvencións de 2.750 euros, e unha obtivo 2.250 euros. Os últimos 2 contratos recibiron 1.750 euros.