CULTURA
Os Monicreques de Kukas celebran en Vilagarcía o seu 40 aniversario con “Alecrina”, unha obra de teatro musical para toda a familia Como preludio das vacacións de Nadal, o vindeiro domingo, 15 de decembro, a compañía Os Monicreques de Kukas representará no Auditorio “Arlequina”, unha obra de teatro musical apta e aconsellable para todo tipo de público a partir de 2 anos de idade. Con este espectáculo, a compañía que ven de recibir o Premio da Cultura Galega na modalidade das Artes Escénicas, celebra os seus 40 anos facendo teatro en galego e con marionetas. A función comeza ás 18.00 horas. A entrada de adultos custa 5 euros, a infantil (ata 13 anos) 3 euros e a bonificada para desempregados, maiores de 65 anos e mocidade, 3 euros previa acreditación da condición coa tarxeta de desempregado, DNI e carné xoven, respectivamente.
09.12.2019.- Alecrina é unha folla de papel de periódico que se transforma nun paxariño ao que lle van sucedendo un senfín de cousas a través das cales, e contando coa axuda de Marchelino, un vello e estrafalario artista e titiriteiro, vai buscando a súa identidade. Con diferentes tipos de marionetas, seis actores en escena e cinco músicos interpretando música en directo, os Monicrekes de Kukas presentan un espectáculo moi coidado e traballado, cunha vistosa estética e cunha trama na que hai intriga, misterio e moita diversión. Trátase dun espectáculo de gran formato dirixido a todos os públicos que combina o traballo de actor e a pantomima coa animación de marionetas e a maxia coa música en directo nun espazo escénico polivalente e suxestivo no que todos os elementos forman parte da divertida, misteriosa e trepidante aventura protagonizada por Arlequina.
O espectáculo chega a Vilagarcía grazas ao convenio de colaboración asinado polo Concello e a Agadic e a través da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
As entradas pódense adquirir de xeito anticipado a través de http://www.ticketea.com (máis custes de xestións) ou o día da función, a partir das 16.00 horas na billeteira do Auditorio.