MULLER
O alcalde recibe ás representantes de Amarcarril en recoñecemento polo premio da Rede Española de Mulleres da Pesca O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a concelleira de Igualdade, Tania García, recibiron esta mañá no Concello a unha representación da Asociación de Mariscadoras “Amarcarril” en recoñecemento polo premio que lle acaba de conceder a Rede Española de Mulleres da Pesca. O rexedor felicitou ás mariscadoras e animounas a continuar destacándose pola promoción da súa labor dun xeito tan innovador, e coa atención sempre posta en elevar o papel da muller nun sector no que, pese a estar moi presentes, especialmente en Galicia a través do marisqueo, ata hai moi pouco tempo, o seu peso e importancia non transcendía como debera.
22.11.2019.- Os Premios ás Iniciativas innovadoras promovidas por mulleres no sector pesqueiro concédeos a Rede Española de Mulleres no Sector da Pesca, organismo dependente da Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. A asociación de mariscadoras de Carril foi galardoada no apartado de “Inclusión Social e Igualdade de Oportunidades”.