TRÁFICO
Os controis de velocidade esténdense esta semana ás rúas Arealonga, Fontecarmoa e Outeiro A campaña de control de velocidade que está a desenvolver de forma periódica a Policía Local de Vilagarcía esténdese esta semana a algunhas vía secundarias do municipio nas que se teñen detectado excesos que elevan os riscos aos que se someten os condutores, pero especialmente os peóns. Trátase de rúas que discorren por zonas residenciais nas que as casas están moi pegadas as vías que, en tramos, carecen de beirarrúas debido á súa estreitura. Ao longo de toda esta semana, realizaranse medicións de velocidade nas rúas Arealonga, Fontecarmoa e Outeiro (Bamio).
19.11.2019.- As mencionadas rúas non serán as únicas nas que se instalará o radar móbil entre o 18 e o 24 de novembro. Tamén se controlará a velocidade de circulación dos vehículos en vías principais, como as xa habituais das avenidas de Pontevedra, Rubiáns, Cornazo e Vilanova, e Rúa Valentín Viqueira e a Rúa Montiño.
Coa implantación da Zona 30 no centro urbano da cidade e coa campaña de control de velocidade nas rúas e estradas urbanas do municipio, a Policía Local pretende sensibilizar aos condutores sobre o respecto aos límites establecidos, medida imprescindible pata aumentar a seguridade viaria e reducir o número e gravidade dos accidentes de tráfico e dos atropelos de peóns.