OBRAS E SERVIZOS
Acométese unha nova mellora na rede de saneamento, nesta ocasión en Trabanca Sardiñeira O plan de renovación e mantemento da rede municipal de saneamento que leva a cabo o Concello de Vilagarcía de forma continuada chega estes días a Trabanca Sardiñeira, onde se está a substituír a canalización deste servizo nunha zona que estaba a rexistrar numerosos problemas entre a Rúa Nova e Fondo de Vilas. Os traballos comezaron onte e rematarán esta mesma semana.
05.11.2019.- A actuación que se está a levar a cabo afecta a un tramo duns 30 metros de lonxitude nos que se retirará a vella tubaxe de cemento para instalar unha nova de PVC máis resistente. A antiga canalización estaba dando problemas de xeito reiterado e atopábase moi deteriorada debido aos parches cos que contaba por reparacións puntuais de diferentes de roturas sufridas nos últimos dous anos. Ante esta situación, optouse por cambiar o tramo completo, de forma que se eviten novas roturas e se garanta a correcta prestación do servizo. Os traballos, que comezaron onte, están sendo executados por persoal municipal do Servizo de Obras, e está previsto que rematen ao longo desta mesma semana, quedando pendente o asfaltado para cando mellore o tempo. A seguinte actuación do plan de mantemento do saneamento municipal afectará a un tramo da Rúa San Roque, en pleno centro da cidade.