OBRAS E SERVIZOS
Adxudicada a Construcciones Abilleira a esperada obra de ensanche da curva da Golpelleira A espera apertura da curva da Golpelleira, que dá acceso ao barrio da Torre, está a piques de facerse realidade. O Concello resolveu onte o procedemento de licitación mediante a adxudicación da obra á empresa Construcciones y Proyectos Abilleira por importe de 92.455 euros (IVE incluído). Tan pronto como a adxudicataria presente a documentación e se firme o contrato comezará a executarse a actuación que prevé o ensanche da calzada neste problemático tramo, para o cal se demolerá a vella vivenda que esgana a vía xusto na curva e o retranqueo do muro. A obra completarase coa construción dunha beirarrúa, instalación de alumeado e pavimentación.
30.10.2019.- Un total de 22 empresas presentaron ofertas para facerse co proxecto, resultando a máis ventaxosa para o Concello a formulada por Construcciones Abilleira, cunha rebaixa no prezo de licitación de 20.911 euros. O financiamento farase con cargo aos fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A obra que se vai a levar a cabo é unha das máis esperadas polos veciños da Torre, que demandaban dende hai anos unha solución para este conflitivo punto da rede viaria, pois supoñía un risco tanto para a circulación rodada -ao formarse un pescozo de botella nunha curva sen visibilidade-, coma para os peóns -que nas actuais condicións teñen que camiñar por unha vía moi estreita e sen beirarrúas nin arcéns-.
Características da actuación O proxecto a executar consiste na apertura da curva e ensanche do vial. Para o primeiro demolerase a vella vivenda situada sobre a curva, adquirida polo Concello por 10.000 euros, e para o segundo retranquearase o muro que delimita unha das marxes da calzada, grazas aos terreos conseguidos de balde polo Concello tras as xestións realizadas cos propietarios.
O muro a retranquear axustarase á aliñación prevista no PXOM nunha lonxitude de 97 metros, o que permitirá gañar o espazo suficiente para ampliar a vía e dotala dunha beirarrúa para que os peóns poidan transitar de forma máis segura. O proxecto prevé tamén o soterrado dos cables do tendido eléctrico, a colocación de catro luminarias e o acondicionamento do acceso á primeira das vivendas situada tras a curva. Por último, pavimentarase a calzada.