CONCELLO
O Concello destina 1.300.000 euros do superávit ao paseo de Vilaxoán, ao plan de marquesiñas e á amortización de débeda O Pleno do Concello de Vilagarcía abordará na sesión da próxima semana o destino do superávit orzamentario de 2018, fondos que o goberno local pretende repartir entre a amortización de débeda e á execución de obras financeiramente sostibles, tal como prevé a lei. Neste marco, e tras realizar os axustes contables pertinentes por parte da Intervención Municipal, dos 2 millóns de euros do superávit total, o Concello utilizará 1.312.700 euros para pagar parte da obra do Paseo Marítimo a Vilaxoán, para completar o Plan de Renovación de Marquesiñas e para adiantar o pago da débeda contraída cos bancos.
23.10.2019.- O custe total da obra do Paseo Marítimo a Vilaxoán ascende a 831.000 euros tras o incremento que sufriu o presuposto debido á modificación realizada para manter os dous carrís de circulación. Para afrontar este custe, o Concello destinará máis de medio millón de euros do superávit, en concreto 529.600 euros, á “Ampliación do carril bici ata a praia de Canelas e ao retranqueo do muro da EDAR”. Como xa se anunciara no seu día, o resto da actuación financiarase cos fondos FEDER a través da liña de “Impulso e mellora de medioambiental de zonas urbanas”.
O outro investimento a levar a cabo con fondos procedentes do superávit e a adquisición de marquesiñas para levar a cabo a renovación deste tipo de mobiliario en todas as paradas de autobús do municipio.
En canto ao pago da débeda, o executivo socialista propón amortizar 561.686 euros con cargo ao superávit, suma que contribuirá a continuar reducindo o nivel de endebedamento do Concello que, debido á boa xestión económica realizada no último mandato, sitúase en niveis mínimos do 22% e garante a autonomía municipal e a solvencia económica á hora concertar operacións de crédito.