CONCELLO
A programación teatral de outono inclúe catro representacións, con drama, comedia e musical infantil O teatro regresa en outono ao Auditorio Municipal coa programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios que financian a Concellería de Cultura e a Agadic. No marco do convenio relativo ao segundo semestre do ano, Vilagarcía acollerá ata decembro catro representacións de xéneros tan variados como o drama, a comedia, o teatro documental ou o musical infantil, espectáculos todos eles de compañías galegas. O prezo da entrada xeral é de 5 euros e de 3 euros para os colectivos de desempregados, mocidade e maiores.
27.09.2019.- A tempada de teatro ábrese o 19 de outubro no Auditorio coa posta en escena da última montaxe de Malasombra Producións, o drama “Bernarda”, unha obra inspirada no clásico de García Lorca “La Casa de Bernarda Alba”, trasladado á época da Transición e a unha familia doo rural galego.
O 16 de novembro será cando a compañía Chévere poña en escena no Salón García o seu proxecto de teatro documental “Anatomía dunha serea”, un ha obra de pequeno formato, cunha soa actriz en escena que relata a súa experiencia persoal ao vivir un embarazo e o posterior alumbramento e sobre a “violencia obstetricia” e o silencio que a rodea.
O día 23, tamén de novembro, será o momento da comedia coa obra “O Electo” que Contraproducións S.L. escenificará no Auditorio e na que se relata a relación entre un político e o médico que o trata dunha doenza que lle apareceu durante o proceso electoral.
A representación prevista para o mes de decembro resérvase ao público infantil. Como preludio das vacacións de Nadal, o 15 de decembro Os Monicreques de Kukas representará no Auditorio “Arlequina”, unha obra de teatro musical para o público familiar de calquera idade na que se relata a busca de identidade dunha folla de papel de periódico que se transforma dun paxariño ao que lle van sucedendo un senfín de cousas. Con diferentes tipos de marionetas, seis actores en escena e cinco músicos interpretando música en directo, trátase dun espectáculo moi coidado e traballado, cunha vistosa estética e cunha trama na que hai intriga, misterio e moita diversión. Con este espectáculo Os Monicreques de Kukas conmemoran o seu 40 aniversario facendo teatro en galego e con marionetas.
Todas as representacións comezarán ás 21.00 horas, excepto a infantil que será ás 18:00 horas. As entradas pódense adquirir de xeito anticipado a través de http://www.ticketea.com (máis custes de xestión). O prezo da entrada xeral é de 5 euros e de 3 euros para desempregados (presentando a tarxeta de demandante de emprego), maiores de 65 anos (DNI) e titulares do Carné Xoven (presentando este carné). A función de decembro tamén ten unha entrada infantil a 3 euros para nenos e nenas de ata 13 anos.
A concelleira de Cultura, Sonia Outón, presentou a programación teatral de outono nun acto no que participaron Marcelino de Santiago e Isabel Rey, da compañía Kukas; e Xoque Carbajal, director de Malasombra Producións, xunto con dúas das actrices de “Bernarda”.