SEGURIDADE CIDADÁ
10 auxiliares da policía local continuarán prestando servizos no Concello ata principios de ano Dez dos quince auxiliares da Policía local contratados polo Concello para reforzar o plantel durante a temporada de verán, continuarán realizando labores de apoio á garda local ata principios de ano. A Xuta Local de Goberno acordou prorrogar os contratos a 10 auxiliares por un período de 2 meses. A ampliación do período do servizo é unha medida á que o Concello de Vilagarcía recorre habitualmente xa que está prevista na orde que regula estas contratacións en municipios turísticos para reforzo dos planteis das gardas locais durante os meses de verán.
24.09.2019.- Os auxiliares de temporada iniciaron as súas labores no Concello en dúas quendas. Uns a mediados de xuño e outros a principios de xullo. Dado que o período dos contratos iniciais era de 4 meses, as prórrogas comezarán nun caso a partir do 17 de outubro e no segundo a partir do 1 de novembro. Isto supón que a Policía local contará con este reforzo do plantel ata principios do ano 2020.
O goberno local leva a cabo dende hai uns anos varias medidas para aumentar o númerod e efectivos da Policía Local, que se veu reducido por xubilacións e baixas. Entre elas, aumentouse o número de auxiliares de temporada, así como o seu período de contratación, e se convocaron as oposicións para ir cubrindo as vacantes existentes.