NOVAS TECNOLOXÍAS
Vilagarcía súmase ao programa “Conectar Europa” para instalar wifi pública en espazos exteriores da cidade O Concello de Vilagarcía súmase ao mecanismo “Conectar Europa” que está a desenvolver a Unión Europea co obxectivo de fomentar a conectividade a internet das comunidades locais. A través das axudas que concede a UE para este programa, a Concellería de Novas Tecnoloxías que dirixe Álvaro Carou, pretende dotar de wifi de acceso libre a espazos públicos e exteriores da cidade. A solicitude da subvención, que ascendería a 15.000 euros, xa foi tramitada.
23.09.2019.- A través desta iniciativa preténdese apoiar a oferta de acceso a internet de alta calidade aos residentes e visitantes nos centros da vida pública local (rúas, prazas ou determinados núcleos poboacionais), tal como xa existe noutras cidades de España e de Europa. Ao proporcionar esta conectividade inalámbrica local, gratuíta e sen condicións discriminatorias, búscase contribuír a pechar a brecha dixital, sobre todo nas comunidades onde é menor a alfabetización dixital, incluídas as zonas rurais e os lugares remotos aos que a tecnoloxía chega tarde ou en malas condicións técnicas.
Como obxectivos secundarios, ao facilitar que toda a cidadanía teña acceso a internet de calidade e gratuíta en determinados espazos da cidade, tamén se espera que mellore o acceso da cidadanía a determinados servizos que operan on line, especialmente aos relacionados coa administración, como a sanidade e a administración electrónica; e tamén a aqueles que permiten crear novas ofertas de inclusión dixital, como cursos ou que fomente o desenvolvemento de pequena e medianas empresas locais innovadoras en produtos e servizos dixitais.