CULTURA
O románico e o intraespacialismo de Lucio Fontana sométense a estudo durante “Os Martes Arte” Os encontros sobre creación artística “Os Martes, Arte” inician un novo curso no Auditorio o vindeiro martes, 24 de setembro. A actividade dirixida polo profesor Augusto Guedes está aberta a toda a poboación, sen límite de idade, e é de carácter gratuíto, polo que os interesados en aprender ou afondar no mundo da arte so teñen que achegarse os martes ás 19:30 horas ao seminario do Auditorio. Seguindo o esquema das edicións anteriores, as sesións, de unha hora de duración, intercalarán un estilo antigo ou histórico coa obra dun autor contemporáneo. Nesta ocasión, analizarase a arte do románico e a obra do creador italo-arxentino Lucio Fontana, un dos fundadores do intraespacialismo.
17.09.2019.- A Concellería de Cultura colabora na organización de “Os Martes Arte”, o programa que pretende achegar o arte á cidadanía dun xeito didáctico, divertido e accesible a calquera, teña ou non coñecementos sobre a materia. Ás sesións de “Os Martes, Arte” poderá asistir calquera persoa que o desexe, sen necesidade de inscribirse previamente nin de ter coñecementos previos de arte. A actividade estará dirixida por Guedes que, de xeito interactivo e dinámico, explicará aos asistentes o contexto da obra a estudio, as súas características, as circunstancias do autor, técnicas e outros aspectos precisos para entender o que pretendeu expresar o creador ou o significado da obra.