OBRAS E SERVIZOS
As obras do plan de mellora do alumeado público no rural comezaron pola rúa do Pazo, en Rubiáns O Plan de Renovación e Mellora do Alumeado Público no Rural, mediante o que se substituirán 1.330 puntos de luz en 23 rúas e camiños atópase xa en plena execución. O servizo de Alumeado do Concello iniciou o pasado xoves os traballos pola Rúa do Pazo, en Rubiáns, e agora continúan polo rueiro de Cea. Nesta importante actuación o Concello inviste 191.510 euros que se financian integramente a través das arcas municipais.
17.09.2019.- Esta primeira fase de renovación do alumeado público no rural desenvolverase en tramos da Rúa Xiabre (xunto á canteira), Rúa do Cruceiro de Galáns, Rúa do Pazo, Rúa Combe, Rubiáns de Arriba, Rúa Veiga de Abaixo, lugar de Xesteira, carreteira Piñeiro, Rúa Canteira e Campo da Festa (A Laxe), lugar de O Lago, Rúa San Antonio (Faxilde), Rúas Amizade e Progreso (A Torre), Rúa Sobradelo e Campo da Festa, Rúa Sarxento Solla, Rúa Espiñeiros (Cea), Rúa Lagoa, Vilar de Arriba, Fontecarmoa (xunto a rotonda da vía rápida), Quintáns- carreteira Zamar, Praza Lino Arcos Salgado e Río Leiro (Zamar), Rúa Souto e Cornazo de Abaixo (Cornazo), Rúa Antuín (Trabanca Badiña), Calle Sobreira e Urbanización O Rial, Rúa As Carballas e Rúa Curvelas (Cea).
A actuación que acaba de comezar ten como finalidade mellorar a calidade do servizo de alumeado público no marco das políticas de aforro e eficiencia enerxética iniciadas xa hai uns anos. Os traballos que están a levar a cabo os operarios do Servizo Municipal de Alumeado consisten na substitución das actuais lámpadas por outras de tecnoloxía led, que consumen moita menos enerxía e melloran a calidade lumínica. En concreto, adquiríronse 810 unidades de luminarias de vial LED de 50 watios e 520 de 30W.
O proxecto, ademais de mellorar a eficiencia enerxética do servizo público, tamén é unha eficaz medida de aforro xa que, a adaptación á tecnoloxía LED suporá a redución dun 69,23% respecto ao consumo eléctrico actual nestas zonas, o que monetariamente se traduce nun aforro anual de 69.164 euros, segundo se indica na memoria realizada polos Servizo Municipal de Electricidade.