TURISMO
Concellos e Deputación supervisan as obras de creación da Vía Verde do Salnés en espera do financiamento da Xunta A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou esta mañá xunto aos alcaldes de Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis, Alberto Varela e Juan Manuel Rey, as obras que se están a acometer na Vía Verde do Salnés ao abeiro do convenio asinado entre a institución provincial e os concellos de Portas, Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis. A visita tamén servíu para reiterar á Consellería de Medio Ambiente que cumpra o compromiso de financiamento adquiriro no seu día para poder completar a que será a primeira Vía Verde íntegramente galega e un recurso turístico moi importante para toda a zona.
11.09.2019.- As vías verdes son sendas peonís e de uso cicloturista que se crean aproveitando vellos trazados de ferrocarril en desuso. A Vía Verde do Salnés terá una lonxitude de 9,195 quilómetros e discorrerá polos municpios de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Portas. Nestes momentos estanse execitando as obras financiadas pola Deputación (200.000 euros) e os tres Concellos (Portas 18.392,35 euros, Caldas de Reis 53.675,11 e Vilagarcía de Arousa 84.119,41 euros). Falta por asinar o compromiso dado no seu día pola Conselklería de Medio Am,biente de que aportaría 200.000 euros máis para rehabilitar a ponte de ferro sobre o río Umia.
A Vía Verde do Salnés parte de Abelle (Rubiáns), pasa por Caldas e remata na estación de Portas, nas inmediacións da vella azucareira. Ao longo do seu percorrido destacan varios lugares e puntos de interese, como o Pazo de Rubiáns, o antigo apeadeiro de Ande, a ponte metálica sobre o Umia (que se recuperan con estre proxecto) ou a Azucareira de Portas; ademais do atractivo etnográfico e natural co que conta, con exemplos da arquitectura popular típica do rural galego, os minifundios ou o bosque autóctono. Para gozar destes atractivos o proxecto prevé a creación de 3 áreas de descanso e 2 miradoiros. Nestes momentos, Tragsa acomete as obras incluídas no convenio entre a Deputación e os concellos.
"Estamos nun día de celebración porque as obras avanzan a bo ritmo", asegurou Silva, "pero tamén de reivindicación, porque é incomprensible que dous anos despois a Xunta de Galicia siga sen cumprir o compromiso adquirido hai dous anos cos concellos para contribuír ao financiamento da que é a primeira vía verde íntegra en Galicia".
"Sen ánimo de crítica teño que dicir que non é posible entender que a Xunta de Galicia non fose a primeira institución en promover esta actuación. A única explicación que eu lle atopo é que Vilagarcía e Caldas non as goberna o PP", asegurou Silva. A presidenta da Deputación manifestou sentirse "molesta como dirixente política e cidadá. Creo que a Xunta debe poñerse diante, liderar a transformación de toda Galicia e particularmente da provincia de Pontevedra, o motor de Galicia, e preocúpame moito o seu desinterese".
Ademais, Carmela Silva demostrou, coa hemeroteca na man, que a Xunta se comprometeu publicamente en setembro de 2017 a financiar a vía verde do Salnés a través da sinatura dun convenio cos concellos de Portas, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa e que, cronoloxicamente, "non fixo outra cousa neste tempo que anuncios dun investimento que agora, dous anos despois, segue sen formalizar". "Hoxe coñecemos unha nova reunión, convocada esta mesma mañá para o luns, así que espero da Xunta que esta reunión sexa para asinar o convenio cos concellos", manifestou Silva, que tamén lembrou que "só teñen que achegar o investimento, ata o proxecto da súa parte do trazado o tivemos que facer na Deputación de Pontevedra".
Pola súa banda, o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, incidiu en que "soamente motivos políticos teñen lastrado este proxecto que nos sitúa como pioneiros e nos reforza como capital do sendeirismo". Do mesmo xeito se manifestou o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, quen asegurou que "é unha mágoa ter que facer referencia ao desinterese da Xunta de Galicia. Moito me temo que a reunión do vindeiro luns será outra volta máis para marear a perdiz e que o momento de asinar o convenio quedará para antes das eleccións autonómicas. Pedímoslle á Xunta que deixe de obstaculizar este proxecto e permita que a vía verde do Salnés, a primeira de Galicia, se poida rematar canto antes".