XUVENTUDE
Os cativos do campamento urbano e os anciáns do Divina Pastora volven a atoparse nas segundas Resiolimpíadas O Campamento Urbano de Verán que organiza a Concellería de Xuventude volve a celebrar este ano as Resiolimpíadas, unha actividade interxeracional que ten como obxectivo fomentar a relación, o coñecemento e o respecto mutuo entre nenos e maiores. As segundas Resiolimpíadas desenvolveranse o mércores pola mañá (de 11 a 12.30 horas) na Residencia de Anciáns Divina Pastora, a onde os cativos do campamento se desprazarán para xogar cos residentes do centro nunha actividade que uns e outros levan semanas preparando.
26.08.2019.- No encontro utilizaranse os xogos como elemento condutor e como ferramenta de interacción e dinamización. Os xogos poden definirse como unha actividade física e mental significativa que teñen como finalidade a diversión, o entretemento e a potenciación da creatividade e expansión dos seus participantes. Así, serán os residentes os que transmitirán as normas dos xogos, os materiais que empregaron para confeccionar algún dos mesmos, e as lembranzas da súa infancia que lle evocan estes xogos.
Para celebrar as Resiolimpíadas, formaranse equipos mixtos compostos por nenos e maiores, e serán os monitores e os terapeutas ocupacionais os que dirixan e guíen as actividades, como xa se fixera o ano pasado cun resultado altamente satisfactorio por ambas partes.
Con esta actividade, ademais de fomentar a relación entre ambos colectivos de idade e promover unha interacción lúdica e activa que potencie unha imaxe positiva do envellecemento, tamén se mellora a autoestima e benestar dos maiores. Ademais, búscase transmitir valores como a cooperación e emponderar os xogos doutras xeracións para darlle vixencia na actualidade como potenciadores do exercicio físico e mental que adestran habilidades como a precisión, a discriminación, a coordinación oculomanual, a psicomotricidade, a velocidade de procesamento, a memoria de traballo ou a memoria semántica ...