CONCELLO
O alcalde reúnese coa presidenta da rada para buscar alternativas aos horarios de paso do tren portuario O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela mantivo este mediodía no Concello unha reunión coa presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, para abordar a posibilidade de modificar os horarios de paso do tren portuario co obxecto de reducir os problemas de retencións de tráfico que se están a producir nas actuais circunstancias, cando o convoi atravesa a Avenida Rosalía de Castro á altura do Ramal.
20.08.2019.- Aínda a sabendas de que Concello non ten capacidade decisoria algunha no tema dos horarios - posto que o trazado do tren discorre integramente por terreos de Renfe e do Porto, cruza unha estrada de competencia autonómica e toda a infraestrutura é de titularidade portuaria- o executivo socialista considera que Concello e Autoridade Portuaria deben de traballar xuntos para encaixar e facer coincidir as necesidades da cidade cos intereses da rada.
Por iso, os responsable de ambas institucións acordaron estudar conxuntamente as diferentes alternativas horarias existentes para tratar de reducir as retencións de tráfico rodado e que, así mesmo, permitan o normal desenvolvemento da actividade portuaria. Unha vez obtida unha proposta satisfactoria para ambas partes, a Autoridade Portuaria a trasladará a Renfe Operadora e a Adif, para saber si ten encaixe nos seus plans de circulación.
Por outro lado, Franco tamén aproveitou para comunicar ao alcalde que finalmente o Porto só moverá un tren esta semana, en lugar dos dous previstos inicialmente. O convoi pasará o venres, adiantando ás 10 da mañá a baixada cara a dársena, mentres que mantén a hora de regreso ás 19.20 da tarde. Para elevar a seguridade das persoas no tramo que discorre entre a TIR e o Parque Miguel Hernández, lugar no que se atopan as atraccións das festas co conseguinte tránsito de persoas, especialmente pola tarde, o Concello pechará o perímetro con valas protectoras.