AVISOS
Amplíase ata o luns 12 de agosto o prazo para solicitar a instalación de barras exteriores na Festa da Auga O Concello de Vilagarcía vén de ampliar ata o vindeiro luns, 12 de agosto, o prazo para que os hostaleiros interesados soliciten o permiso para instalar barras exteriores para a venta de bebidas durante a véspera e na celebración da Festa da Auga. A obtención do permiso municipal é obrigatorio para poder contar con estas instalacións a pé de rúa e, en todo caso, deben cumprir os requisitos indicados polo Concello tanto en medidas como en horarios. O prazo para facer o trámite remata ás 14 horas do luns.
08.08.2019.- O trámite deberá realizarse obrigatoriamente a través da sede electrónica do Concello e mediante o formulario específico que se atopa dispoñible no taboleiro de anuncios do devandito sitio: sede.vilagarcia.gal.
Os locais de hostalería poderán solicitar permiso para colocar barras individuais ou colectivas. Segundo as normas establecidas para este caso excepcional, as barras individuais deberán de ter una lonxitude máxima de 3 metros, sen exceder en ningún caso a fronte do establecemento. Deberán deixar libre o acceso a interior do local e non poderán estar separadas máis de dous metros da fachada do edificio. A solicitude de instalación de barra conxunta anula a posibilidade de solicitar unha barra individual para cada un dos interesados.
En canto aos horarios, as barras non poderán instalarse nas rúas antes das 22:00 horas do 15 de agosto e, en todos os casos, deberán estar recollidas e retiradas da rúa antes das 16:00 horas do día 16 co obxectivo de permitir as labores de limpeza tras a celebración da Festa da Auga.
Ademais, de acordo coa Lei de Espectáculos, os promotores deberán de contar cun seguro de responsabilidade civil e cumprir co establecido na Ordenanza municipal de ruídos e vibracións.
A lista definitiva coas barras autorizadas publicarase o martes 13 de agosto.