FESTAS
O Festaclown volve a Vilagarcía para encher as rúas de risas, maxia e solidariedade, e a estrea do novo de Leo Bassi Un dos principais atractivos das Festas de San Roque, o Festaclown, volve e faino don folgos renovados. Entre o 17 e 21 de agosto, as rúas volverán a encherse de risas, de maxia e de solidariedade. No mesmo ciclo, o controvertido pero xenial cómico Leo Bassi estreará a súa nova produción, “Yo, Mussolini”, unha reflexión crítica e irónica sobre o rexurdimento da extrema dereita. Ademáis, o Festaclown tamén terá un apartado social e levará os seus espectáculos polas parroquias.
23.07.2019. Na presentación do Festiclown –agora convertido en Festaclown, para remarcar o seu aceno galego e todo o que a “festa” significa no noso país-, o alcalde, Alberto Varela, subliñou que “poucas cousas” moven tanto público na extensa programación de San Roque como o Festaclown, que en apenas 5 anos xa se converteu nun dos principais reclamos da oferta lúdica e festiva da cidade durante o verán. Con todo, Varela fixo especial fincapé no apartado social do Festaclown, co que se busca integrar a todo o mundo: dende as visitas ás parroquias ou ao asilo, ata a participación de entidades de atención aos discapacitados.
Sonia Outón, concelleira de Cultura, e Jacobo Sutil, director da AGADIC, incidiron na alta calidade dos espectáculos programados e o valor engadido que o Festaclown ofrece aos visitantes, que así poden comprobar que ademais de gastronomía e paisaxe, en Galicia hai tamén un enorme talento.
Fran Rei, da organización do Festaclown, defendeu que no programa está o mellor do teatro de rúa a nivel galego (Mago Teto, Sempre Arriba, Muuu) e estatal (Vol’e Temps –o espectáculo de moda agora mesmo, con numerosos galardóns-, Kanbahiota ou Mireia Miracle).
Rei tamén destacou a presenza do “mestre” Leo Bassi, que non só dará un curso de bufón, senón que estreará, precisamente en Vilagarcía, a súa nova produción, “Yo, Mussolini”. Bassi, que interveu na presentación por vídeo-conferencia dende Mallorca, chamou a atención sobre a necesidade de reflexionar sobre o empuxe do pensamento de extrema dereita, para o que decidiu recuperar a un personaxe histórico, o creador do fascismo italiano, Benito Mussolini. O espectáculo, que non deixará a ninguén indiferente, porase en escena o día 21 de agosto ás 21 horas. O prezo das entradas é 8 euros en anticipada e de 10 o mesmo día.