OBRAS E SERVIZOS
Covsa acometerá a ampliación do saneamento e alumeado en Veiga da Aldea cun investimento de 87.865 euros A Xunta de Goberno Local adxudicou onte a obra de ampliación da rede de saneamento e dotación de alumeado público na rúa Veiga da Aldea (O Vento) á empresa Covsa que disporá de tres meses para executar os traballos nos que o Concello investirá 87.865 euros. A adxudicataria incluíu como mellora na súa oferta a ampliación do prazo de garantía en 12 meses máis dos inicialmente previstos. Con esta nova actuación no rural, o Concello atende unha demanda dos veciños da zona e continúa estendendo os servizos básicos nas zonas da periferia.
16.07.2019.- A obra que se vai executar prevé instalar un novo colector de saneamento que se conectará á rede xeral para dar servizo a unhas vivendas nesta rúa da parroquia de Cea. Ademais, o novo colector permitirá aliviar o caudal de augas que movía o bombeo de Loenzo, posto que as augas negras que se recollan con esta nova instalación derivaranse por gravidade cara os colectores xerais que discorren pola estrada PO 305 (subida ao Pousadoiro polo Vento).
Ademais, o proxecto inclúe a instalación de alumeado público na rúa Veiga da Aldea, que ata agora carecía deste servizo. Instalaranse báculos de 7 metros de altura con iluminación led de alta eficiencia sobre postes de formigón cada 30 metros. A obra complétase coa construción de pozos de rexistro, tanto do saneamento como eléctricos, instalación de novas canalizacións e cadros eléctricos e soterramento da rede de baixa tensión para a instalación de alumeado público. Coa aplicación da tecnoloxía led conseguinte aforro económico e unha mellor integración medioambiental e estética coa contorna ao non existir tendido aéreo para o alumeado.