CONCELLO
“Vilagarcía Diversa e Orgullosa” regresa este verán cun ciclo de cine LGTBI+ e a actuación de Señora DJ A Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía segue traballando na reivindicación dos dereitos, na visualización e na normalización do colectivo LGTBI+ no día a día e na vida cotiá da nosa cidade. Para acadar este obxectivo e baixo o título de “Vilagarcía Diversa e Orgullosa”, o departamento que dirixe Tania García programa varias actividades a desenvolver durante os meses de verán, comezando en xullo por un ciclo de cine e coa actuación, no marco das festas de San Roque xa en agosto, de Señora DJ.
05.07.2019. A programación deseñada pola Área de Igualdade a través do CIM e do PIM (Punto de Información Municipal) LGTBI+, conta coa colaboración do Cine Club Ágeda, a través do cal será posible ver en Vilagarcía o film estadounidense “The Miseducation of Cameron Post”, dirixida por Desiree Akhavan que se estrea esta mesma semana en España. Esta película abrirá o ciclo o xoves 11 de abril e a proxección terá lugar no Salón García a partir das 21:00 horas. Ao remate da proxección desenvolverase un coloquio a cargo dos integrantes do Grupo de Diversidade Afectivo Sexual do IES Castro Alobre, composto por alumnado do centro heterosexual e pertencente ao colectivo LGTBI que traballan durante o curso na visibilidade e loita dos dereitos do colectivo e na resolución de conflitos.
O xoves 18 de xullo proxectarase “Laurence Anyways”, unha película canadense de Xavier Dolan tras a cal se abrirá un coloquio no que intervirá Carolina Smith para relatar a súa experiencia como muller transexual na década dos 80, así como unha representante da asociación “Nos Mesmas” de Vigo. O ciclo de cine de temática LGTBI+ pecharase cunha proxección especial de curtametraxes nos Xardíns de Ravella o martes 23 de xullo ás 22.00 horas e, como colofón realizaras a performance “Preparados, Apunten… Flores” protagonizada polo colectivo de actrices “Resaca Colectiva.
Todas as proxección son de entrada libre e gratuíta.
Por último, xa no marco das festas patronais de San Roque, o colectivo LGTBI+ terá unha nova ocasión de facerse visible no conxunto da sociedade vilagarciá dun xeito lúdico e festivo a través sa sesión vermú que terá lugar o día 17 de agosto coa actuación de Señora DJ.