CONCELLO
O novo goberno de Varela mantén a estrutura do anterior mandato á vez que potencia novas áreas O alcalde de Vilagarcía, o socialista Alberto Varela Paz, asinou este mediodía as resolucións das delegacións de funcións e reparto de áreas do novo goberno que, tras as pasadas eleccións do 26 de maio, outorgaron aos socialistas a maioría absoluta con 12 das 21 actas da Corporación. Mantendo case sen cambios a estrutura básica do anterior mandato “por terse demostrado a súa eficacia e para aproveitar a experiencia e coñecemento dos concelleiros fronte as súas áreas”, o rexedor socialista aproveitou o marxe de manobra que lle supón contar con catro edís máis nesta nova etapa para “distribuír de forma máis equitativa a carga de traballo e para reforzar e potenciar áreas que consideramos de especial importancia para Vilagarcía”.
19.06.2019.- Na rolda de prensa na que se dou a coñecer as delegacións da Alcaldía, Varela -que compareceu rodeado de todos os concelleiros do goberno, coa excepción de Matilde Laya debido a obrigas laborais- explicou que o reparto resultoulle doado porque “tiña claro de antemán a estrutura que debía seguir este goberno” e polas facilidades que lle deron os seus 11 concelleiros, “que se puxeron a miña completa disposición sen ningún tipo de reserva”. O alcalde engadiu que simplemente tivo que falar con cada un dos concelleiros electos para coñecer a súa opinión e preferencias e conxugar isto cos obxectivos marcados para o mandato e co modelo de cidade no que xa levan catro anos traballando.
COMPOSICIÓN DO GOBERNO LOCAL
ALCALDE: Alberto Varela Paz. Delegacións: • SERVIZOS SOCIAIS, IGUALDADE E PERSOAS MAIORES: Tania García Sanmartín. • EDUCACIÓN E DEPORTES: Argimiro Serén Mera. • URBANISMO, MOBILIDADE E XESTIÓN DOS FONDOS EUROPEOS (FEDER): Paola María Mochales. • OBRAS, ALUMEADO PÚBLICO E RELACIÓNS VECIÑAIS. Lino Mouriño Santiago. • CULTURA, NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA E PERSOAL: Sonia Outón Casal. • TURISMO, NOVAS TECNOLOXÍAS E ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA: Álvaro Carou García. • ECONOMÍA E FACENDA: Luz María Abalo Pérez. • MEDIO AMBIENTE, PARQUES, XARDÍNS E PRAIAS: Diego García Santiago. • PROMOCIÓN ECONÓMICA, EMPREGO E XUVENTUDE. Alba Briones Gamarra. • POLICÍA LOCAL, SEGURIDADE CIDADÁ E EMERXENCIAS: José María González Araújo. • SANIDADE, CONSUMO E BENESTAR ANIMAL: Matilde Laya Lorenzo.
Varela manifestou o seu convencemento en que este reparto “é un bo modelo de traballo, que nos vai permitir atender a xestión municipal, tanto cara dentro, como cara fora; que nos permitirá seguir avanzando nun modelo de cidade que continuará mellorando Vilagarcía e os servizos que o Concello presta aos vilagarciáns; así como xestionar e demandar ante as demais administracións todo o que a Vilagarcía lle corresponde por dereito propio”.
O alcalde tamén comentou que a súa intención é celebrar coa maior brevidade posible o Pleno organizativo no que se establecen aspectos como as liberacións, retribucións da Corporación e nomeamento de representantes na Mancomunidade, Autoridade Portuaria e composición doutros órganos municipais. A previsión sería celebrar o Pleno na primeira quincena de xullo, a máis tardar.