CULTURA
Un seminario internacional e unha exposición de fotos de Plácido Castro tenden pontes entre Galicia e Irlanda Vilagarcía acolle este mes de xuño dúas importantes actividades de carácter internacional organizadas pola Fundación Plácido Castro e que se centran na relación histórica entre Galicia e Irlanda e tendo como fío condutor os estudos e as experiencias que viviu e relatou o intelectual de Corcubión durante a súa viaxe ao país irmán alá por 1928. A exposición “A Irlanda de Plácido” inaugurarase o venres, 21 de xuño, na Sala Rivas Briones coa presenza da embaixadora de Irlanda, e servirá de preludio ao seminario a celebrar o día 25 e no que participarán profesores e doutores das universidades galegas e irlandesas.
17.06.2019.- O venres 21 de xuño inaugurarase na sala Rivas Briones a exposición “A Irlanda de Plácido Castro”, que reproduce 45 instantáneas realizadas polo intelectual de Corcubión durante a súa viaxe a Irlanda en 1928. Agrupadas en catro seccións (xentes, vida, patrimonio e paisaxe), as fotografías constitúen un vivo testemuño de gran interese, especialmente as relativas ás illas Blasket.
A mostra complementarase con diversos paneis e obxectos relativos á vida, obra e pensamento de Plácido Castro, incluíndo pezas únicas que actualmente están en poder da familia, cedidas expresamente para a ocasión. Tamén se recollen escolmas da obra publicada en 2013 pola Fundación sobre as colaboracións xornalísticas que Plácido publicou no diario El Pueblo Gallego como parte da súa crónica sobre Irlanda.
O 25 de xuño analizarase a viaxe de Plácido polo país celta no contexto das relacións entre Galicia e Irlanda nun seminario no que participarán David Clark, Director do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses 'Amergin' da Universidade da Coruña; Keith Payne, crítico e tradutor, Lector de Inglés na Universidade de Vigo; Uxío Breogán Diéguez-Cequiel, doutor en Historia Contemporánea e profesor na Universidade da Coruña; ou Manuela Palacios, Profesora Titular de Literatura Inglesa na Universidade de Santiago de Compostela.
As iniciativas contan co apoio da Embaixada de Irlanda en España, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Vilagarcía de Arousa