CONCELLO
A concelleira e os técnicos da Xerencia asisten ao V Congreso APLU de disciplina urbanística A concelleira de Urbanismo e Mobilidade, Paola María, xunto cos dous técnicos da Xerencia de Urbanismo e a asesora xurídica do departamento asisten estes días ao simposio organizado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia co obxectivo de coñecer casos prácticos e as opinións de expertos nacionais e internacionais sobre os modelos de desenvolvemento e crecemento sostible das cidades, así como informarse sobre os cambios na lexislación e procedementos administrativos relacionados coa materia. O V Congreso sobre Disciplina Urbanística organizado pola APLU comezou onte en Santiago de Compostela e rematará mañá.
11.06.2019.- Este simposio, que se vén desenvolvendo con carácter anual dende o ano 2015, ten como obxectivo o intercambio e divulgación de ideas, coñecemento e experiencias que permitan contribuír a avanzar no camiño cara a un verdadeiro desenvolvemento urbanístico sostible.
Baixo o lema “Estado do Urbanismo e Retos para o Futuro”, esta edición estrutúrase en catro áreas temáticas. A primeira céntrase na necesidade de afrontar un novo modelo urbano, abordando o estudo das Axendas Urbanas e conceptos como o de cidade próxima. A continuación, analizarase a interrelación do urbanismo con determinadas políticas públicas. Un terceiro bloque tratará as cuestións máis actuais no eido da intervención administrativa. Nunha sesión final, como xa vén sendo habitual neste Congreso, o debate xirará sobre as perspectivas para o futuro.
O desenvolvemento sostible 2010 marcado polas axendas urbanas española e internacionais, A cidade próxima, a incorporación das políticas de vivenda á planificación urbanística, a mobilidade como eixo do desenvolvemento urbano sostible e a integración de políticas de xénero no urbanismo, foron algúns das temáticas abordadas na sesión de onte. Para a sesión de hoxe, a delegación vilagarciá tiña previsto asistir aos relatorios sobre execución de sentenzas urbanísticas e a mediación extraxudicial, sobre a anulación de licenzas e demolicións urbanísticas e sobre as medidas lexislativas para a seguridade xurídica do urbanismo.
Fomentar a participación, o debate e a reflexión marca a folla de rota na celebración destes Congresos. Por iso, ademais de reunir a recoñecidos especialistas na materia urbanística, tanto de ámbito nacional como internacional, poténciase o espazo para a participación activa de todos os asistentes.