CONCELLO
O goberno propón ao Pleno autorizar o uso dunha zona do Castriño para esparexemento dos usuarios do Princesa Letizia O goberno local de Vilagarcía, a través dunha proposta da Alcaldía, plantea autorizar o uso dunha zona do Parque do Castriño para o esparexemento dos usuarios do centro Princesa Letizia, dedicado á atención de persoas con parálise cerebral. O executivo socialista eleva ao Pleno esta iniciativa tras coñecer que o centro, situado á beira do Castriño, perderá en breve o seu patio de recreo para poder levar a cabo a necesaria ampliación de instalacións.
26.04.2019.- A proposta foi previamente tratada coa dirección do centro e da asociación Amencer, que foron os que puxeron en coñecemento do goberno á situación que se ía dar co inicio das obras e ao non dispor a entidade de más espazo para destinar a área de recreo e esparexemento dos seus usuarios. O executivo que preside Alberto Varela amosou a súa plena disposición a colaborar para resolver esta carencia.
A zona para a que se propón a cesión de uso está situada ao carón do propio centro, polo que os usuarios poderían ser trasladados alí sen maior inconvinte. Trátase dunha zona algo elevada apenas utilizada polas persoas que frecuentan o Castriño. De calquera xeito, aínda que se autorice o seu uso como zona de esparexemento para os usuarios do Princesa Letizia, o espazo non será de uso exclusivo posto que permanecerá aberto ao público. Trátase dunha cesión de uso que pode reverter en calquera momento, xa que sigue sendo propiedade municipal.