OBRAS E SERVIZOS
Sae a licitación cun investimento de 136.733 euros a obra de saneamento e alumeado na rúa Veiga da Aldea (O Vento) O Concello de Vilagarcía acaba de sacar a licitación cun investimento de 136.733,58 euros (IVE incluído) á obra de ampliación da rede de saneamento e da dotación de alumeado público na rúa Veiga da Aldea, no lugar do Vento, parroquia de Cea. Con esta nova actuación no rural, o Concello atende unha demanda dos veciños da zona e continúa estendendo os servizos básicos nas zonas da periferia. As empresas interesadas no contrato dispoñen de prazo ata o 13 de maio para presentar as súas ofertas.
25.04.2019.- A actuación a levar a cabo prevé a instalación dun novo colector de saneamento a conectar á rede xeral e que dará servizo a unhas vivendas da zona. Ademais, este novo colector permitirá aliviar o caudal de augas que movía o bombeo de Loenzo, posto que as augas negras que se recollan con esta nova instalación xa non irán a parar aí, senón que se derivaran por gravidade cara os colectores xerais que discorren pola estrada PO 305 (subida ao Pousadoiro polo Vento). Ademais, o proxecto inclúe a instalación de alumeado público na rúa Veiga da Aldea, que ata agora carecía deste servizo. Instalaranse báculos de 7 metros de altura con iluminación led de alta eficiencia sobre postes de formigón cada 30 metros. A obra complétase coa construción de pozos de rexistro, tanto do saneamento como eléctricos, instalación de novas canalizacións e cadros eléctricos e soterramento da rede de baixa tensión para a instalación de alumeado público.
Ademais de ampliar a rede de saneamento e de mellorar a seguridade viaria coa iluminación do camiño, este proxecto reportará outros beneficios como o conseguinte aforro económico grazas á aplicación da tecnoloxía led no alumeado e unha mellor integración medioambiental e estética coa contorna ao non existir tendido aéreo.