CONCELLO
O Concello programa a renovación de servizos e remodelación da rúa Sobrán-Faxilde O Concello de Vilagarcía programa unha nova actuación de mellora integral de rúas que afectará Rúa Sobrán-Faxilde e que terá como obxectivo resolver os problemas de avarías nas redes de servizos básicos que se están a producir debido a antigüidade das mesmas e tamén mellorar as condicións e estética da rúa. A Xunta de Goberno Local acordou onte contratar o estudo topográfico necesario para redactar o proxecto de obra.
23.04.2019.- O principal problema que presenta actualmente a Rúa Sobrán-Faxilde son as reiteradas avarías nas redes de saneamento e auga que son moi vellas. Ademais do inconvinte que isto supón á veciñanza, as roturas tamén provocan afundimentos na calzada, creando fochas e deixando un firme irregular e incómodo para o tráfico.
Para solventar esta problemática, o goberno local pretende levar a cabo unha actuación integral que afectará ao un importante tramo de vía, comprendido entre os semáforos de Sobrán e o cruce da Fonte de Faxilde. Os traballos comezarán coa substitución das canalizacións das redes de saneamento, abastecemento de auga e recollida de pluviais. A efectos de dispor axeitadamente e de forma eficaz os trazadas destes servizos precísanse medicións topográficas exactas que axuden a determinar a cota correcta á que debe ir cada tubería para previr posteriores incidencias de funcionamento.
Ademais da substitución das redes de servizos básicos, o proxecto tamén incluirá a instalación de conducións para soterrar as instalacións de electricidade e de telecomunicacións.
A obra permitirá tamén renovar a imaxe da rúa Sobrán-Faxilde, con mellora de beirarrúas e da calzada, un aspecto este que non so suporá un beneficio para os veciños, si no tamén para os escolares que transitan esta rúa para acudir diariamente ao colexio.