CONCELLO
Praceiros e Concello acordan pospoñer a aprobación do regulamento da Praza e probar antes as novas medidas O goberno local de Vilagarcía mantivo esta semana sendas reunións cos dous colectivos de praceiros que manteñen diferentes posturas sobre o novo Regulamento de Uso e Funcionamento da Praza de Abastos. Tras os encontros decidiuse pospoñer a aprobación definitiva da norma ata despois das eleccións. E como contrapartida, a proposta do executivo acordouse levar a cabo un período de proba do calendario de apertura recollido no regulamento antes de elevar o texto ao Pleno.
28.03.2019.- Ás reunións nas que participaron o alcalde, Alberto Varela, e a tenente de alcalde, Tania García, asistiron, por un lado, os representantes da asociación de vendedores da Praza de Abastos e por outro, máis de vinte vendedores de peixe do mesmo mercado público. Os primeiros apostan pola apertura diaria da sala de abastos con todos os seus servizos, como recolle o regulamento, mentres que os segundos manteñen que non lles sería rentable porque temen que non acuda a clientela.
O Concello trata de revitalizar as ventas da Praza de Abastos e ofrecer un bo servizo aos cidadáns co funcionamento das instalacións a pleno rendemento. Para lograr este obxectivo, o Concello leva realizados grandes investimentos na Praza de Abastos para modernizala, mellorar a súa imaxe, adaptala á normativa e ás necesidades dos vendedores. Pero as melloras realizadas non servirán de nada se os propios concesionarios non se adaptan igualmente ás necesidades dos usuarios do século XXI.
Pola súa banda, a asociación de praceiros que apunta a necesidade de que o calendario previsto na norma sexa cumprido por todos os sectores da praza, sobre todo polos postos de venta de peixe fresco. Entenden que este último requisito é fundamental para conseguir a fidelización da clientela e manter un ritmo de ventas diario, xa que a maioría dos vilagarciáns prefiren consumir peixe fresco da praza. Non obstante, ao non dispor desta posibilidade todos os días, optan polos supermercados e grandes superficies que abren a diario e con horarios máis amplos, aproveitando, xa de paso para realizar o resto da compra (carnes, conxelados, pan queixo, verduras…) De manter a venta de peixe na Praza de martes a sábados, os clientes poderían facer todas estas compras no mercado Público, beneficiando así a todos os concesionarios.
O temor dos vendedores de peixe é que non lles sexa rendible acudir todos os días polo que, para comprobar o resultado desta ampliación de días de venta, aceptaron levar a cabo un período de proba xa que o mellor xeito de comprobalo é poñéndoo en práctica un tempo. Tras este período de proba, retomarase a aprobación do Regulamento.