POLICÍA LOCAL
O 8% dos vehículos controlados pola Policía en febreiro superaban os límites de velocidades permitidos A Policía Local de Vilagarcía prosegue coa súa campaña de prevención de accidentes de tráfico mediante a realización de controis de velocidade nas vías da cidade. Durante o mes de febreiro realizáronse 21 intervencións deste tipo. En total mediuse a velocidade de circulación de 1802 vehículos, dos que o 8%, é dicir 151, foron denunciados por superar os límites establecidos, así como as marxes de erro.
19.03.2019.- Segundo indica a Policía no seu informe mensual, as vías con maior porcentaxe de infraccións rexistradas foron a Avenida de Cornazo e a Rúa Valentín Viqueira de Carril, cun 11% de infraccións, e a Rúa Montiño cun 10%.
As mediacións de velocidade co radar móbil da Policía realizáronse ao longo de todo o mes de forma aleatoria, en distintas rúas e a distintas franxas horarias. Dos 21 controis realizados, 6 tiveron lugar entre as 08:45 e as 10:00 horas. Entre as 10:00 e as 12:00 horas realizáronse 4, e entre as 12:00 e as 14:00 horas os 11 restantes.
A Policía Local tamén da conta do número de accidentes de tráfico rexistrados durante o mes de febreiro. Foron un total de 5 sinistros, todos eles con feridos de carácter leve. Ademais, realizáronse 25 probas de alcoholemia, das que 21 deron resultado negativo e 4 positivo.