CONCELLO
O Concello comunica ao Porto o inicio da redacción do proxecto para a escola de deportes náuticos O goberno local de Vilagarcía dou orde aos técnicos municipais de iniciar os traballos de redacción do proxecto técnico para a construción da Escola Municipal de Deportes Náuticos nos terreos portuarios que ocupa actualmente a nave de Alfogar. A medida adóptase tras coñecer o informe técnico que ditamina que o actual Plan Especial de Ordenación do Porto xa outorga á devandita parcela os usos náutico e deportivo que precisa para acoller a futura escola municipal. Ao non requirir un procedemento de revisión do documento, a tramitación para a creación da nova infraestrutura deportiva será moito máis áxil. Ambas circunstancias foron comunicadas recentemente á Autoridade Portuaria.
27.02.2019.- Nesa mesma comunicación, a Xunta Local de Goberno informa ao organismo portuario de que porá no seu coñecemento o proxecto técnico tan pronto como estea rematado a efectos de redactar o convenio que deberán asinar ambas administracións para regularizar a cesión dos terreos nos que se emprazará a infraestrutura deportiva.
Como se sabe, en resposta á demanda de dous colectivos relacionados cos deportes náuticos, o Pleno da Corporación Municipal aprobou por unanimidade unha iniciativa para a creación unha escola municipal nos terreos portuarios ocupados pola nave e a parcela de Alfogar, acordo que incluía o compromiso do Concello de xestionar ante a Autoridade Portuaria a cesión dos devanditos terreos. En resposta ao acordo municipal, o Consello de Administración do Porto condicionou ou o seu beneplácito á proposta a que previamente o Concello levase a cabo a revisión do seu Plan Especial, alegando que era preciso modificar a catalogación urbanística dos terreos de Alfogar para permitir o novo uso que se lle pretendía dar.
O executivo local defendeu dende o primeiro momento que non era necesario levar a cabo este complexo e longo procedemento, posto que os usos recollidos no documento xa permitían a finalidade deportiva e náutica da parcela en cuestión. Maila isto, e ante a disparidade de criterios, solicitouse informe técnico da Xerencia de Urbanismo.
O informe, do que se dou conta á Xunta de Goberno Local, avala a postura municipal, advertindo que, segundo se recolle no Plan Especial de Ordenación do Porto de Vilagarcía aprobado polo Pleno no ano 2000, a nave e parcela de Alfogar emprázanse no sector 3, e dentro deste, no subsector 2 (S.3.2).
Os usos e características que se citan no documento para o S3 en xeral son “equipamento dotacional, zonas de esparcemento, porto deportivo e servizos”, definíndose como área dotacional, dedicada á ubicación de edificios administrativos, pequenas instalacións comerciais, áreas lúdicas e de esparcemento e, en xeral a todos os equipamentos complementarios ao porto deportivo que son necesarios para o seu bo funcionamento.
A maiores, dentro dos usos autorizados tanto para o subsector S.3.2. (no que se atopan os terreos de Alfogar) como para o S.3.3., figuran no documento: - Deportivo: Autorízanse instalacións deportivas compartindo edificios ou instalacións independentes, en edificación exclusiva ou ao descuberto. - Náutico-deportivo: A edificación de apoio en terra necesaria para as actividades náutico-deportivas a ubicar na correspondente zona do Cavadelo, así como as dedicadas ao mantemento de embarcacións menores.
O informe da Xerencia de Urbanismo sinala que os usos tamén están recollidos deste xeito nun dos cadros do anexo á memoria do Plan Especial do Porto.
Co obxecto de dar cumprimento ao acordo plenario, o Concello reunirá aos técnicos municipais cos representantes dos clubs e colectivos de vela e piragüismo do municipio para coñecer as necesidades de cada modalidade deportiva e así poder plasmalas sobre os planos do proxecto.