CONCELLO
Varela pretende levar a pleno este mes o investimento para renovar a rede de abastecemento en Doutor Tourón A renovación da rede de abastecemento na avenida Doutor Tourón é unha prioridade absoluta para o goberno local que xa puxo en marcha os mecanismos de busca de financiamento para poder executar a obra canto antes. Ante a urxencia que reviste a situación –hoxe mesmo houbo outra avaría- e á espera de recibir o informe de custes que está a piques de rematar Espina e Delfín, o alcalde pretende levar ao Pleno deste mes a proposta de cambio de finalidade de crédito que permita acometer o investimento con fondos propios e sen necesidade de esperar á aprobación dos novos orzamentos.
14.02.2019.- O colector principal de abastecemento que discorre pola avenida Doutor Tourón volveu a romper hoxe. A avaría produciuse de madrugada á altura das Torres Caixanova. O subministrou cortouse no tramo afectado para non continuar perdendo auga e para permitir levar a cabo a reparación. Dado que se trata dun colector principal, para manter o abastecemento á zona norte de Vilagarcía recorreuse á captación da Mancomunidade do Salnés. Deste xeito, os únicos edificios que quedaron sen abastecemento mentres non se arranxou a avaría foron as propias Torres Caixanova e outros dous bloques.
Os traballos por parte da concesionaria comezaron sobre as sete da mañá e a avaría quedou reparada e reposto o servizo pouco antes das 12 do mediodía. O arranxo afectou a 6 metros de tubo, que xa se substituíu por un novo de PVC.
Como se sabe, o colector principal que discorre polo tramo de Doutor Tourón comprendido entre a Glorieta da Mariña Española e o cruce de Vista Alegre é dos máis antigos do municipio. As vellas tuberías teñen máis de 40 anos, son de fibrocemento e se atopan moi degradadas polo paso do tempo, de aí a súa fraxilidade. Paradoxicamente, os arranxos que se realizan para restablecer o subministro á poboación cada vez que hai unha rotura inciden na seguinte, xa que o colector vello non resiste a mesma presión que os novos tramos de PVC que se van colocando.
Para solventar este encadeamento de avarías, o Concello pretende renovar por completo o colector xeral dende a Glorieta da Mariña Española ata o cruce con Vista Alegre. Espina e Delfín ten previsto entregar nos vindeiros días o estudo de custes desta importante actuación que, de seguro, precisará dun investimento elevado. Así a todo, o goberno local pretende executar a obra canto antes sexa posible, de aí que se estean concretando ás partidas ás que recorrer para financiala.
Unha vez aprobada a modificación de crédito no Pleno, deberá redactarse o proxecto de obra e licitarse a mesma, trámites aos que o Concello lles dará a máxima prioridade.
Acción preventiva e planificada
As actuacións preventivas e a planificación dos investimentos é esencial para previr situacións indesexables como a que se está producindo en Doutor Tourón. O goberno que Preside Alberto Varela, consciente disto e, a diferenza do anterior executivo do PP, inclúe a renovación das redes de abastecemento e saneamento en toda obra que leva a cabo no municipio. Así aconteceu na humanización de Vista Alegre, na da Praza de Galicia e na das travesías de Alejandro Cerecedo; así está a facer na Praza de Independencia e na contorna de Matosinhos, e así se realizará nos proxectos que están a piques de comezar en Vázquez Leis (Vilaxoán) e Rúa Cervantes (Carril).