CONCELLO
Mouriño asiste ás xornadas técnicas sobre “A Cidade dos Nenos e das Nenas” impartidas por Francesco Tonucci O concelleiro de Medio Ambiente, Lino Mouriño, asiste hoxe e mañá ás xornadas técnicas e formativas sobre o “Proxecto Internacional: A cidade dos nenos e das nenas” que imparte o pedagogo Franceso Tonucci en Fuerteventura. A participación de Mouriño ten como obxectivo recoller información e experiencias doutros lugares de España para poder desenvolver a iniciativa en Vilagarcía, dando así cumprimento ao acordo de adhesión a este proxecto internacional adoptado por unanimidade do Pleno da Corporación na última sesión de xaneiro.
13.02.2019.- Ás xornadas, ás que asisten varios municipios e organismo públicos de España, incluídos a Deputación Provincial e o Concello de Pontevedra, teñen como relator ao propio Tonucci, pedagogo de recoñecido prestixio internacional e ideólogo do proxecto da Cidade dos Nenos.
Partindo da situación actual, ao longo de dous días, os asistentes irán reflexionando sobre como mellorar as cidades partindo do punto de vista e das necesidades dos nenos, tendo en conta que o que é positivo e beneficioso para un cativo, tamén o é para o resto das persoas.
A través de propostas teóricas e experiencias prácticas, exporanse ideas que permitan ás cidades recuperar o espazo público para o uso seguro e cómodo por parte das persoas. O obxectivo é gañar en mobilidade, recuperar a autonomía de movemento que tiñan hai décadas os nenos para desprazarse libremente e sos polas rúas, e tamén garantir o desenvolvemento do dereito ao xogo, ao espazo público e mesmo do dereito á saúde, moi relacionado coa seguridade e a posibilidade de gozar das rúas e prazas para o esparexemento, o ocio ou o deporte a calquera idade.
Aínda antes de adherirse ao proxecto internacional Cidade dos Nenos e das Nenas, o Concello de Vilagarcía xa comezara a adoptar medidas que seguen esta mesma liña de pensamento como a peonalización e humanización de rúas, o calmado do tráfico no centro da cidade, a habilitación de aparcamentos disuasorios, a ampliación do carril bici ou inicitivas de concienciación como as da Vila do Mañá.