OBRAS E SERVIZOS
Aberto o prazo de presentación de ofertas para as obras de mellora do campo de fútbol de Vilaxoán O Concello de Vilagarcía sacou a licitación as obras de mellora do campo de fútbol de Vilaxoán. Cun investimento de 216.000 euros, os traballos permitirán renovar a herba artificial, reconstruír o muro norte e acondicionar o da banda leste. As empresas dispoñen de prazo ata o 27 de febreiro para presentar as súas ofertas. As obras, que se financian a través do POS da Deputación, terán un prazo de execución de 2 meses.
09.02.2019.- A execución deste proxecto foi un compromiso do goberno local no marco do Plan de Mellora das Infraestruturas Deportivas Municipais. Anteriormente xa se levara a cabo a reforma dos aseos públicos, unha demanda dos usuarios das instalacións deportivas. A previsión é que as obras non comecen ata verán, para non interferir no calendario oficial de competicións dos equipos. En todo caso, as datas concretaranse coa directiva do Club San Martín.
O proxecto a levar a cabo mellorará considerablemente as condicións de uso do campo de fútbol de Vilaxoán, tanto de cara á practica deportiva, como para o público que acude a presenciar os partidos dos clubs que fan uso das instalacións. No terreo deportivo, o cambio da herba artificial repercutirá nunha maior seguridade dos deportistas, xa que o actual céspede está moi compactado e duro debido ao uso intensivo durante toda unha década.
A nova herba artificial a instalar será de última xeración, de maior calidade e perfectamente adaptada ao uso deportivo. Ademais, cumprirá os requisitos de calidade esixidos pola FIFA. O proxecto inclúe o pintado do terreo de xogo con liñas de marcaxe para fútbol 11 e fútbol 7 conforme á regulamentación vixente. As obras aproveitaranse para levantar, limpar e revisar todas as rexillas de drenaxe perimetral do tapiz.
Xa fora do terreo de xogo propiamente dito, as melloras afectarán a dous dos muros do pechamento do campo. A obra máis importante afectará á parede do fondo norte que actualmente presenta problemas de inestabilidade . Este muro reconstruirase por completo en formigón armado e aceiro. O peche da banda leste acondicionarase e pintarase.