AVISOS
Un buraco baixo o firme obriga a pechar ao tráfico a rúa Vázquez Leis á altura da Confraría A Rúa Vázquez Leis, en Vilaxoán, quedará cortada ao tráfico a partir de hoxe á altura da Confraría Virxe do Rosario. A medida adóptase a modo de precaución, ante o risco de afundimento que presenta a vía, totalmente oca nun tramo duns 10 metros de lonxitude. Esta circunstancia detectouse despois de que se afundirán un par de adoquíns, oco que permitiu aos operarios municipais advertir o nivel de erosión existente baixo a superficie.
08.02.2019.- Ante a envergadura da zona horadada baixo o pavimento, un arquitecto da Oficina Técnica acudiu a inspeccionar o lugar para determinar as medidas a adoptar. Segundo indican, a oquedade parece estar producida por fugas de auga das vellas redes de pluviais e saneamento que, co paso do tempo, erosionaron e leváronse o material de recheo. Ante esta situación, e ante as dúbidas de que nestas circunstancias o tramo de vía poida soportar o peso da circulación continuada de vehículos, optouse por cortar o tráfico.
Como se sabe, o Concello xa tiña previsto remodelar a rúa Vázquez Leis a través dunha actuación de humanización que tamén prevé a completa renovación das redes de saneamento e abastecemento de auga, moi antigas nesta zona de Vilaxoán. A obra adxudicouse este luns e aínda que xa estaba previsto que se iniciase no prazo dunhas semanas, en vista deste último acontecemento, o executivo local axilizará ao máximo os trámites burocráticos previos á firma do contrato para que os traballos comecen coa maior brevidade posible. Tralo acontecido, a obra proxectada permitirá tamén avaliar o estado do resto da Rúa Vázquez Leis na que está previsto desenvolver a actuación de humanización.