CONCELLO
O Concello saca a licitación o arrendamento por renting de 3 vehículos para a Policía Local O Concello de Vilagarcía continúa co proceso de renovación do parque móbil da Policía Local. Neste caso sacando a licitación o arrendamento polo sistema de renting de 3 vehículos novos para substituír a outros que xa acumulan anos de uso continuado. Os vehículos poderán ser turismos ou monovolumes, de gasolina ou híbridos, e estar rotulados e dotados cos equipos e sistemas que establece a normativa para os coches policiais. O contrato terá unha duración de 48 meses e licítase por 123.173 euros (149.040 co IVE incluído).
08.02.2019.- Os concesionarios dispoñen de prazo ata o día 22 de febreiro para presentar as súas propostas conforme aos pregos de condicións. Neles fíxase que o contrato incluirá os servizos de mantemento e reparacións na propia concesionaria da marca. Ademais, os vehículos deberán estar asegurados a todo risco e cunha ampla cobertura.
A sinalización, pintura e rotulación dos aotomóbiles patrulla cumprirán o establecido por lei, ao igual que os equipos luminosos e acústicos propios dos coches policiais. Ademais, cada vehículo debe incluír no seu equipamento botiquín, cristais escurecidos, dúas lanternas policiais, extintor, prancha e barra de separación entre os asentos dianteiros e posteriores con soporte de defensas policiais e emisora compatible co sistema de comunicación da Policía, entre outros elementos.
A adxudicataria terá que entregar os vehículos, completamente acondicionados e dotados no prazo máximo de 2 meses a contar a partir da firma do contrato.