TERCEIRA IDADE
As actividades programadas pola Concellería de Persoas Maiores contaron con 870 participantes Un total de 870 persoas participaron o ano pasado nas actividades organizadas pola Concellería de Persoas Maiores do Concello de Vilagarcía. O departamento que dirixe Tania García estruturou a súa oferta para o colectivo da terceira idade en catro bloques de actividades destinados a cubrir as necesidades de ocio, cultura, saúde e mobilidade dos seus usuarios en función das preferencias manifestadas por eles mesmos a través do Consello Local. Excursións, viaxes, romaría e obradoiros foron as principais, xunto coa concesión dos bono bus subvencionados.
01.02.2019.- A actividade máis multitudinaria é a Romaría das Persoas Maiores, o encontro anual e de confraternización que se celebra a principios de verán e na que os maiores se relacionan, socializan e pasan un completo día de festa na que non falta a gastronomía típica, a música, os xogos, o baile, os premios e os recoñecementos. Na edición deste ano participaron un total de 546 comensais. A actividade está subvencionada pola Concellería.
Pero as actividades pola que amosan máis ilusión os maiores son as viaxes. Para adecualos ás circunstancias de todos, a Concellería organizou unha excursión, dunha soa xornada de duración, e viaxes de varios días, todos eles subvencionados. O destino da excursión gastronómica deste ano foi O Carballiño, coincidindo coa Festa do Polbo que se celebra na localidade ourensá. 95 maiores encheron os dous autobuses fletados e financiados pola Concellería. No mes de febreiro tivo lugar a viaxe cultural a León e Asturias, cunha duración de 5 días e 4 noites, participaron nela 55 persoas. Na tempada de outono, os maiores vilagarciáns tiveron a oportunidade de coñecer Salamanca, Ciudad Rodrigo, Alba de Tormes, La Alberca e Puebla de Sanabria. A viaxe tamén se prolongou durante 5 días e 4 noites e, ao igual que no anterior caso, os 55 viaxeiros beneficiáronse dos prezos reducidos, grazas á subvención da Concellería, nunha actividade na que incluía o desprazamento en bus, aloxamento en réxime de pensión completa, visitas guiadas e guía acompañante durante toda a viaxe.
No apartado de saúde e benestar, o ano pasado Persoas Maiores organizou unha nova edición dos obradoiros “Actívate” para a prevención da dependencia mediante a realización de actividades formativas, psicomotoras, de relaxación e de estimulación cognitiva. Entre as dúas quendas nas que se desenvolveu este programa, participaron nel un total de 53 persoas.
Por último, un total de 72 persoas obtiveron en 2018 o bono bus municipal para maiores subvencionado pola Concellería co obxectivo de favorecer a autonomía e mobilidade deste colectivo.