OBRAS E SERVIZOS
Xardíns realiza unha poda especial das árbores a pé de estrada cuxas ramas estorban o paso de vehículos O departamento de Xardíns do Concello de Vilagarcía está a desenvolver unha campaña especial de poda destinada ás árbores situadas a pé de estrada cuxas ramas sobresaen sobre a calzada e estorban á circulación dos grandes vehículos. Os traballos céntrase esta semana na avenida do Preguntoiro, onde a frondosidade acadada polas árbores nos últimos tempos, impedía a normal circulación do intenso tráfico de camións que acoden ás industrias da zona e que resultaban golpeados polas ramas que se elevaban sobre a zona de paso dos vehículos.
28.01.2019.- Aproveitando a súa estancia en Vilaxoán, os operarios de Xardíns tamén realizarán labores normais de poda no resto das árbores do paseo o o xardín do Preguntoiro e no Parque Dona Concha. Neste último tamén se está a levar a cabo unha limpeza dos bancos de pedra e madeira, para o cal se utilizarán as máquinas de lavado con auga a presión.
Nesta mesma campaña de podas especiais, a semana pasada os departamento de Xardíns tamén despexou a zona da rúa Pablo Picasso invadida por ramas de árbores de gran porte que sobrevoaban a calzada e deuse un repaso aos exemplares do Parque do Piñeiriño.
Lousas e bolardos en Vista Alegre
Por outro lado, o departamento municipal de Obras, tamén dependente do concelleiro Lino Mouriño, remata estes días os traballos de mantemento na rúa Vista Alegre onde, ademais de repoñer e afianzar lousas soltas ou rotas, tamén se colocarán uns bolardos para evitar que os vehículos suban á beirarrúa na confluencia coa rúa López Cuevillas. AS medida foi proposta pola Policía Local en vista da reiteración de turismos que invadía a beirarrúa nesta curva, co conseguinte risco para os peóns e o deterioro da beirarrúa.