INFRAESTRUTURAS
O Concello inicia a substitución e restauración das varandas que percorren o paseo do río do Con e a súa ponte En total, serán 174.500 euros de investimento, a desenvolver en tres fases, xa adxudicadas Na primeira estase a traballar no tramo paralelo ao parque da Xunqueira A nova varanda, que combina o granito co aceiro corten, gañará en estética pero sobre todo en seguridade
Vilagarcía, 15 de xaneiro de 2019.- Despois de varias semanas de retraso debido a un problema co subministro de aceiro cortén para realizar as pezas, as obras de substitución das varandas do paseo do río do Con, dende a ponte de Doutor Tourón ata a desembocadura na dársena do porto, comezaron hoxe no tramo que vai dende aquela ponte ata a de Vistalegre. Nesta primeira fase investiranse 67.000 euros. Á segunda, que abrangue todo o tramo fronte á praza de abastos, entre Vistalegre e a avenida Valle Inclán, se destinan 93.500 euros. Por fin, na restauración, que non substitución, da vella varanda de ferro fundido da ponte de Vistalegre investiranse outros 14.000 euros. Os traballos que se están acometendo agora mesmo son os de retirada da varanda existente e retranqueo dos pequenos piares que as sostiñan en cada tramo para crear o espazo necesario para instalar o novo deseño, con elementos en forma de bastón e separados apenas dez centímetros, de acordo coas normas de seguridade. Paralelamente a estes traballos, aínda que obxecto doutro contrato máis xenérico para toda a cidade, hoxe comezaron tamén as actuacións de acondicionamento e repintado de todas as luminarias do mesmo paseo do Con. O proxecto deseñado polo arquitecto das Áreas de Rehabilitación Integradas do Concello, Iago Fernández Puentes, baséase en actuar nas dúas marxes do río que discorren entre a Ponte de Vista Alegre e a de Doutor Tourón, así como en todo o borde do afluente e estanque do parque, o que discorre paralelo á fachada posterior do Convento. Deste xeito, e a diferenza do que ocorre agora, a imaxe das varandas do parque e o paseo quedara unificado, ao tempo que se gañará en seguridade, algo fundamental cando se trata dunha zona ao pe das áreas de xogo infantís. No caso das varandas que percorren o paseo, trátase dun modelo feito e instalado a principios dos anos 90, coincidindo coa construción do parque da Xunqueira. No caso da vella trátase dun modelo de principios do século XX que sufriu diversas reformas a longo do tempo, de aí que sexa necesario retirar a vella malla –rota nuns sitios, “abombada” noutros, en todos con varias capas de pintura- para substituíla por outra trama, tamén de aceiro cortén como no paseo, pero conservando os balaustres, que igualmente serán restaurados.