CONCELLO
O Concello investirá 151.847 euros para estender o servizo de saneamento ata Pedramogueira A Xunta Local de Goberno aprobou na reunión desta mañá o proxecto para estender a rede municipal de saneamento ata o lugar de Pedramogueira, en Renza e dar así servizo ao grupo de vivendas alí emprazadas. Trátase dunha obra moi complexa debido á orografía da zona situada no alto de Renza, que precisa dun investimento de 151.847 euros. O Concello pretende financiar a obra a través do POS 2019, para o cal tamén se acordou hoxe solicitar á Deputación a inclusión do proxecto neste programa.
18.12.2018.- A actuación beneficiará a un reducido grupo de vivendas situadas no punto máis alonxado do lugar de Pedramogueira. A obra, demandada polas media ducia de familias que habitan o lugar presenta unha importante dificultade debido á forte pendente existente e que provoca a necesidade de instalar bombeos e impulsores.
Previsión de futuro
Coa idea de que a rede de saneamento chegue aos lugares máis alonxados do municipio, o executivo local decidiu aproveitar o estudo topográfico previo e adecuar o proxecto de Pedramogueira, de forma que esta instalación poida conectarse nun futuro a un novo ramal da parroquia de Renza, o que permitirá dar servizo a máis vivendas desta zona.