EDUCACIÓN
O Concello mellora a accesibilidade na Escola Infantil Municipal e incorpora máis superficie á zona de recreo O Concello de Vilagarcía continúa co seu plan de mellora da Escola Infantil Municipal iniciado en 2016. Tralas obras levadas a cabo a partir dese ano, nas vindeiras semanas o centro de A Lomba será obxecto dunha actuación de mellora da accesibilidade para garantir a seguridade e comodidade das familias á hora de levar aos nenos e nenas á gardería. Ademais, o Concello dota de máis superficie á zona de recreo, incorporando ao recinto unha parcela de titularidade municipal situada entre este e parque de Matosinhos. A administración local investirá 48.010 euros na realización destes traballos.
06.12.2018.- As obras deste proxecto levaranse a cabo de xeito inmediato posto que foron adxudicadas na última Xunta de Goberno Local á empresa Excavaciones y Transportes Ivanca S.L. que precisamente é a que está executando a primeira fase da rexeneración e mellora de accesibilidade do Parque de Matosinhos e a súa contorna.
A actuación na gardería consistirá en acondicionar o aparcamento situado na parte posterior do edificio da Escola Infantil. Abrirase un acceso dende o recinto escolar a este párking e habilitarase un corredor peonil polo interior do recinto que conducirá ata o patio exterior de xogos e á nova parcela que se incorpora. Deste xeito, poderase acceder directamente á Escola Infantil dende o aparcamento posterior que, a través do corredor, tamén quedará comunicado coa rúa na que se atopa a entrada principal do centro, a que conduce ao Parque de Matosinhos e aos demais centros escolares da Lomba. Ata o de agora , para acceder á entyrada da escola Infantil dende o aparcamento posterior era preciso dar un rodeo a pé pola avenida Doutor Tourón.
En canto á parcela municipal que se incorpora ao recinto da Escola Infantil, a idea é destinalo a zona de recreo ou a construción dun invernadoiro.
Actuacións anteriores por importe de 108.000 euros
A actuación a levar a cabo agora, segue a liña das que o executivo local ven facendo dende o ano 2016 e que repercuten de forma positiva, tanto no mantemento e conservación do edificio, como nas condición de confort para os usuarios do centro. Desde entón, e sen contar con esta última, o Concello ten investido 108.000 euros na mellora da Escola Infantil Municipal con obras como a substitución da cuberta, o pintado exterior do edificio ou a mellora da climatización e actuacións de eficiencia enerxética. Este investimento financiouse con fondos propios e tamén a través de subvencións xestionadas polo goberno local ante outras administracións.
Material didáctico e equipos audiovisuais
A isto hai que engadir a adquisición de equipamentos e distinto material docente por importe de 12.559 euros que a Xunta Local de Goberno adxudicou hai unha semana e grazas ao cal o centro recibirá equipos multididácticos e audiovisuais, colgadores de roupa e outros elementos. A compra realizouse a través dunha subvención solicitada á Consellería de Políticas Sociais no marco da liña de axudas para financiar Actuacións de Investimentos para mellora da rede pública de Escolas Infantís que a Xunta cofinancia a través dos fondos FEDER (2014-2020).