CONCELLO
O alcalde reúnese co ministro de Fomento para reforzar a demanda da parada do AVE a Madrid O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, reunise onte pola tarde co Ministro de Fomento, José Luis Ábalos, co obxecto de reforzar a demanda de que o AVE a Madrid inclúa parada en Vilagarcía. Aínda que o departamento estatal coñece a petición cursada dende a capital arousá, o encontro de onte, acordado entre ambas administracións hai unhas semanas, tiña como obxectivo expoñer directamente e polo miúdo a Ábalos os argumentos que xustifican a medida, especialmente agora, dado que o Ministerio está traballando na definición dos itinerario e horarios que terá a conexión da alta velocidade ferroviaria entre Galicia e a capital do estado.
07.11.2018.- O ministro socialista departiu sobre o asunto co alcalde, que, entre outros aspectos, destacou a positiva repercusión que esta escala tería non so na mellora da comunicación de toda a comarca do Salnés e municipios do Ulla-Umia con Madrid e a meseta, senón que tamén repercutiría no desenvolvemento económico e turístico de toda esta zona.
O rexedor salientou a receptividade amosada polo ministro durante a conversa concluíndo en que a demanda de Vilagarcía analizarase polo miúdo no marco dos estudos que se están realizando para a definición de itinerarios.
Maila que haberá que esperar a que rematen os estudos técnicos para coñecer a proposta final de itinerarios do AVE, Varela Paz amosou a súa satisfacción dado o coñecemento da situación amosada por José Luis Ábalos, polo interese co que acolleu a demanda de Vilagarcía e polo compromiso obtido de que se estudará establecer a escala nalgún dos horarios.