CONCELLO
O Concello mellorará a acústica da aula de percusión da Escola Municipal de Música O Concello de Vilagarcía levará a cabo proximamente outra actuación de mellora das dependencias da Escola Municipal de Música. Neste caso, a medida afectará á aula de percusión e terá como obxectivo mellorar a acústica da sala. A obra executarase directamente con persoal municipal e o investimento pola compra dos materiais necesarios ascende a 5.150 euros. A memoria da actuación e o gasto da mesma foron aprobados na Xunta Local de Goberno celebrada onte.
06.11.2018.- A mellora acústica da aula de percusión é unha actuación necesaria, posto que nas actuais condicións da sala, e debido ao tamaño dos instrumentos de percusión e á intensidade sonora dos mesmos, prodúcense reverberacións do son moi molestas tanto para os profesores como para os alumnos. As molestias prodúcense incluso no exterior da aula, posto que o ruído traspasa as paredes, chegando ao corredor e a oírse nas aulas próximas.
A cobertura de corcho que teñen as paredes da aula non é suficiente para evitar a reverberación, dado o alto da sala, 3 metros, e a que o teito son está revestido con enfoscado e pintado. Para poñer fin a esta molesta situación, os traballos a realizar consistirán en recubrir todo o teito da aula con paneis absorbentes. Ademais, nas esquinas da aula colocaranse elementos de espuma, denominados trampas graves, que axudan a evitar que o son rebote. Coa adopción destas medidas reducirase lixeiramente o volume no local e aumentará o coeficiente de absorción dos parámetros, co que, consecuentemente, descenderán as reverberacións e mellorará o confort acústico.