MEDIO AMBIENTE
O Concello solicita a Augas de Galicia a limpeza de sete leitos fluvias para previr o risco de desbordamento Coa inminente chegada da temporada de chuvias, o Concello de Vilagarcía pon en marcha o seu plan de prevención de inundacións e desbordamento de ríos. Para reducir os riscos, o goberno local vén de solicitar a Augas de Galicia a limpeza de sete leitos fluviais do municipio. No caso do río Con e do rego de Leiro, o Concello pide ao organismo autonómico que actúe canto antes, mentres que para o acondicionamento doutros cinco regatos, a administración ofrécese a actuar cos seus propios medios.
05.11.2018.- A colaboración entre o Concello e Augas de Galicia, repartíndose as labores de mantemento e conservación dos leitos fluviais para previr inundacións é unha medida posta en práctica dende hai uns anos co obxecto de axilizar a necesaria limpeza para que se atopen nas condicións idóneas para canalizar de forma fluída a recollida das augas cando se producen fortes precipitacións.
O Concello dirixiuse o pasado 17 de outubro a Augas de Galicia para poñer no seu coñecemento a situación na que se atopan o río Con e o rego de Leiro. Nos dous casos advírtese de que as malezas que medraron en verán cobren o leito case na súa totalidade e invaden gran parte das marxes. A isto engádese a acumulación de áridos en diferentes zonas, situación que resta capacidade aos leitos e impide que a auga poida discorrer libremente. Por esta razón, solicítase a Augas de Galicia que acometa canto antes as labores de mantemento e conservación no río Con e no rego de Leiro.
Limpeza manual en 5 regatos
Noutro escrito, no que tamén se aporta memoria gráfica da situación dos leitos, o Concello solicita permiso para limpar os regatos da Tripeira (Guillán), Faxilde (Sobrán) e A Torre (no lugar de Invisa) e os ríos da Lomba (parroquia da Xunqueira) e de Santa Mariña (Cornazo de Abaixo). Nos cinco casos, as fotografías amosan silvas e herbas invadindo e obstruíndo as canles, que tamén acumulan restrollos arrastrados polas augas. A actuación proposta en todos consiste na roza da maleza e a retirada de ramas e restos arrastrados polas correntes. A roza afarase de xeito manual utilizando un par de rozadoras.
O concelleiro de Medio Ambiente, Lino Mouriño, confía en recibir pronto a resposta positiva de Augas de Galicia para poder realizar os traballos de limpeza antes de que avance a temporada de chuvia.