CONCELLO
Vilagarcía amplía a atención a dependentes con 11 novas altas no servizo de axuda no fogar nos últimos 2 meses O Servizo de Axuda no Fogar que presta o Concello de Vilagarcía para as persoas con dependencia valorada rexistrou nos últimos dous meses 11 novas altas. A inclusión no servizo destes 11 usuarios foi posible grazas ao aumento da prestación en 1.393 horas máis cada mes. A previsión é que o servizo siga acollendo novos usuarios os vindeiros meses, avanzando deste xeito nun dos obxectivos prioritarios do departamento de Servizos Sociais que dirixe Tania García Sanmartín: a mellora da atención e da calidade de vida dos colectivos máis vulnerables, neste caso o das persoas con dependencia.
03.11.2018.- A ampliación das horas para a prestación da Axuda no Fogar a dependentes supón un incremento proporcional no custe do servizo e, polo tanto, un importante esforzo económico para o Concello, que cofinancia o servizo xunto coa Xunta de Galicia. No caso concreto destas 1.393 horas máis ao mes, o presuposto increméntase un 43%, parte do cal ten que asumir a administración local que. A diferenza do acontecido noutros municipios que desbotaron a medida, o Concello de Vilagarcía aceptou a ampliación horaria e o esforzo económico que supón para poder dar maior cobertura social ás persoas dependentes.
A disposición das novas horas de servizo entrou en vigor en outubro, mes no que se deron de alta 8 novos usuarios que xa están recibindo a axuda domiciliaria. En novembro son outras 3 persoas con dependencia valorada as que pasan a beneficiarse deste programa, e o departamento de Servizos Sociais continúa tramitando altas, estimando que aínda se poidan aceptar entre 20 e 30 usuarios máis, en función das necesidades horaria de cada novo usuario.
Para proceder ás altas, os Servizos Sociais recorren ás listas do programa de Asignación de Recursos elaboradas pola propia Xunta de Galicia e no que figuran as persoas cuxo grao de dependencia xa foi valorado e avaliado, así como as horas de servizo que se lle asignan a cada persoa.
En 2017, o SAF do Concello de Vilagarcía contou na súa modalidade de dependencia con76 usuarios (53 mulleres e 23 homes), número que ao remate do actual exercicio podería achegarse ao centenar, grazas a ampliación horaria que entrou en vigor en outubro.