PATRIMONIO
Unha placa lembra a memoria de quen promoveu e realizou o obelisco O obelisco realizado en 1934 por iniciativa da corporación republicana que presidía Elpidio Villaverde e deseñado e construído polo canteiro local Ramón Fontenla conta dende o venres 26 de outubro cunha placa que lembra aquel acontecemento e aos seus protagonistas. Ao acto asistiron familiares vilagarciáns e arxentinos de Fontenla.
26.10.2018. O descubrimento da placa foi sinxelo pero moi emotivo, xa que non faltaron nin as flores nin as lembranzas a Ramón Fontenla Búa, quen, dende o exilio como consecuencia da Guerra Civil, non deixou de inculcar o seu amor por Galicia e por Vilagarcía aos seus descendentes, algúns dos cales tamén se dedicaron a distintas disciplinas artísticas. “O maior legado que nos deixou foi loitar pola liberdade”, dixo Raúl Villar Fontenla, neto do canteiro, para agradecer acto seguido a deferencia que tivo o alcalde e a corporación de facilitar esta homenaxe coincidindo coa viaxe de unha parte da familia a Galicia.
O alcalde, Alberto Varela, lembrou a importancia que tivo o obelisco para moitas xeracións, agradeceu que o novo emprazamento fóra do agrado dos familiares do canteiro, e animounos a non perder nunca a súa relación coa Vilagarcía na que naceu e saíu un día o seu avó.