CONCELLO
Concello e Arousa en Bici invitan a participar no paseo nocturno de mañá O Concello de Vilagarcía e a Asociación Arousa en Bici invitan aos veciños a participar na marcha cicloturista que se celebrará mañá pola noite para celebrar o Día Sen Coches que se conmemora a nivel mundial cada 22 de setembro. O xa tradicional paseo nocturno en bici que descorrerá de Vilagarcía a Vilaxoán e Carril pro beiramar partirá ás 21:00 horas da zona do Cavadelo.
21.09.2019.- A participación na marcha nocturna, de carácter lúdico non competitivo, esta a aberta a todo o mundo e non ten límite de idade O percorrido será similar ao de anos anteriores: iníciase na zona do Cavadelo para discorrer polo carril bici de Valle Inclán, cara Vilaxoán por beiramar, dar a volta á altura da praia do Preguntoiro e regresar a Vilagarcía polo mesmo lugar. No parque do Centenario seguirase polo carril bici para ir ata Carril polo paseo marítimo e regresar a Vilagarcía seguindo este mesmo percorrido.
Esta actividade forma parte do programa organizado polo Concello e Arousa en Bici con motivo da Semana Europea da Mobilidade. Ademais do paseo e bici, está prevista unha nova edición do circuíto de circulación viaria para escolares e público en xeral que se desenvolverá na Praza da segunda República o xoves e o venres en horario de mañá e tarde.
A Semana Europea da Mobilidade leva este ano por lema “Combina e móvete” coa finalidade de promover a combinación de medios de transporte alternativos ao coche particular (bus, bici, coche compartido e a pé) para reducir o tráfico rodado, a contaminación e acadar cidades nas que predomine o uso peonil, máis seguras e libres de ruídos e contaminación.