PATRIMONIO
O Concello adxudica os traballos para a posta en valor dos cruceiros de titularidade municipal O proxecto de posta en valor dos cruceiros de titularidade municipal está a piques de poñerse en práctica ao terse completado hoxe o procedemento coa adxudicación dos traballos á restauradora Iria López Baltar por importe de 17.651 euros. A iniciativa promovida dende o departamento de Urbanismo ten unha dobre vertente, por un lado preténdese avaliar o estado dos cruceiros do municipio e por outro poñelos en valor a través dun roteiro que permita dea a coñecer estes elementos patrimoniais, así como o seu valor artístico e historia. Debido a esta última vertente, o Concello conta cunha subvención da Axencia de Turismo de Galicia para levar a cabo o proxecto.
03.09.2018.- Como se dicía, o proxecto ten dúas finalidades: por un lado pretende recuperar, conservar e destacar a importancia dos cruceiros como elementos patrimoniais de interese artístico, histórico e etnográfico e, por outro, aproveitar estas potencialidades como recurso cultural e turístico accesíbel. De feito, as axudas da Axencia Galega de Turismo teñen como finalidade o “fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”.
A iniciativa do Concello de Vilagarcía recolle a elaboración dun estudo histórico e o traballo de campo necesario para a documentar os cruceiros do municipio incluídos no Catálogo de Bens a Protexer e as circunstancias nas que se atopan (en terreos públicos ou privados, por exemplo), así como a elaboración dunha diagnose sobre o seu estado de conservación e a conseguinte realización de propostas de restauración ou medidas de conservación preventivas para cada unha delas. A execución dos traballos de restauración recolleríanse nun proxecto posterior, unha vez concretadas neste.
O que si se efectuará xa a través da proposta para a cal se solicita a subvención é o deseño e confección da sinalización indicativa e 12 paneis informativos (en galego, castelán e inglés), así como a súa instalación, previa realización de traballos de rozado e limpeza dos contornos dos cruceiros. O proxecto presta especial atención ao apartado de divulgación da ruta e do valor dos propios cruceiros, para o cal nos paneis se incluirán códigos QR para ampliar información.
Empeño por conservar e divulgar o patrimonio local
Este proxecto da ruta dos cruceiros enmárcase nas medidas que está a desenvolver o goberno local dende o inicio do mandato tendentes a recuperar e conservar o patrimonio histórico, artístico e cultural do municipio e, en especial, de poñelo en valor. As escavacións no xacemento arqueolóxico do Castro Alobre e as melloras de accesibilidade na súa contorna, a posta en valor dos petróglifos dos Ballotes, as visitas guiadas con escolares a ambos enclaves, ou a restauración dos lavadoiros tradicionais de Vilaxoán e Trabanca Badiña, son algunhas das actuacións desenvoltas neste sentido.