URBANISMO
Xa se poden solicitar as axudas municipais á accesibilidade para comercios e pequenos negocios O Concello de Vilagarcía abre mañá, 4 de setembro, o prazo para solicitar as axudas municipais para a mellora da accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas destinadas a profesionais autónomos, microempresas e pequenas empresas situadas no municipio. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases que regularán a concesión das subvencións coas que comercio, hoslatería e pequenos negocios poderán financiar o 100 das obras de eliminación de barreiras ata un máximo de 1.000 euros.
03.09.2018.- O Concello habilitou unha partida de 30.000 euros para financiar esta nova liña de axudas coas que se pretende garantir que os cidadáns poidan acceder sen problema aos pequenos establecementos comerciais e de servizos da cidade que aínda non están adaptados á nova ley de accesibilidade por ser anteriores á súa entrada en vigor. Actualmente, moitos dos negocios anteriores á lei presenten escalóns ou desniveis que dificultan o libre e cómodo acceso de persoas con problemas de mobilidade, que van en cadeira de rodas, ou mesmo dos que levan carros de bebé.
Serán subvencionables as obras realizadas a partir de 1 de xaneiro de 2018 e o prazo para solicitar as subvencións ao Concello remata o 20 de novembro. As bases da convocatoria, onde figuran os requisitos a cumprir e a documentación a presentar, e os formularios poden obterse no taboleiro de anuncios da web municipal.