CONCELLO
O Concello subvencionará obras de accesibilidade en comercios, locais de hostalería e pequenos negocios A mellora da accesibilidade espazos e edificios públicos é un dos aspectos prioritarios nos que está a traballar o Concello de Vilagarcía nos últimos anos. A maiores das distintas obras que se están levando a cabo en rúas, prazas e edificios municipais, o Concello pon en marcha unha nova iniciativa para facilitar que a accesibilidade chegue tamén aos comercios, locais de hostalería e pequenos negocios da cidade. Para elo vén de aprobar a creación dunha liña de axudas para subvencionar as obras de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas neste tipo de establecementos.
28.08.2018.- A Xunta Local de Goberno aprobou hoxe as bases da iniciativa promovida pola Concellería de Urbanismo e para a que neste primeiro ano contarase cun presuposto de 30.000 euros cos que financiar as axudas. Poderanse beneficiar delas os profesionais autónomos, microempresas e pequenas empresas situadas no municipio que poderán financiar o 100% do custe da obra ata un máximo de 1.000 euros.
Con estas axudas o Concello pretende colaborar para que este tipo de negocios poida adaptarse aos condicionamentos da Lei de Accesibilidade, sobre todo aqueles anteriores á súa entrada en vigor, posto que os posteriores xa tiñan que cumprila para poder ser autorizados. Esta moitos dos negocios anteriores á lei presenten escalóns ou desniveis que dificultan o libre e cómodo acceso de persoas con problemas de mobilidade, que van en cadeira de rodas, ou mesmo dos que levan carros de bebé.
O prazo de solicitude destas axudas de mellora da accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas abrirase trala publicación da convocatoria no BOP. Serán subvencionables as obras realizadas a partir de 1 de xaneiro de 2018.