EMPREGO
O Emprende VGA 2018 mentorizou 15 proxectos de emprendemento en Vilagarcía Un total de 15 ideas empresariais tomaron forma e convertéronse en proxectos mellorados a través da mentorización intensiva levada a cabo polo Emprende VGA, o programa promovido e financiado polo Concello de Vilagarcía e que desenvolveu o Coworking Dalle que Dalle. A cuarta edición do Emprende VGA rematou hai uns días tras dous meses e medio de actividades nas que, ademais dos 15 emprendedores que entraron na fase de mentorización, participaron outros 20 nas diversas acción formativas. O alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de Promoción Económica, Juan Antonio Pérez Callón, foron os encargados de entregar os diplomas aos participantes no programa.
04.08.2018.- A Concellería de Promoción puxo en marcha o pasado 11 de maio a cuarta edición do programa de emprendemento destinado a preparar e motivar os emprendedores para que as súas ideas de negocio se convertan en proxectos reais de éxito. O Emprende VGA dirixiuse a proxectos en fase de inicio, de desenvolvemento ou de transformación/renovación. O obxectivo de poñer en valor os proxectos innovadores de produto ou servizo, que aporten valor engadido, que permitan a mellora da produtividade empresarial, creen emprego e a economía azul dos recursos autóctonos da comarca.
Tras a fase de formación, que foi a máis longa e orientada especificamente ás demandas das ideas presentadas polo emprendedores, desenvolveuse a fase intensiva de mentorización, que durou unha semana, e na que se xa se avanzo una mellora dos proxectos. As 15 iniciativas que participaron abordaron temáticas e sectores como a creación de Apps para diferentes tipo de servizos, a produción e venta de produtos ecolóxicos e veganos, o turismo rural, a venta on line, servizos de coaching, ensino e enerxías renovables.
Algún destes negocios xa estaban en marcha e a súa mentorización foi para mellorar ou ampliar os seus horizontes. Outros están en fase de inicio a piques de comezar a actividade, fomentando deste xeito a creación de emprego e o desenvolvemento do sector empresarial e comercial na cidade.
II Premios ao Emprendemento
No marco desta mesma política do goberno local, a Concellería de Promoción Económica está traballando na redacción das bases dos II Premios Emprendemento Concello de Vilagarcía, que ten como obxecto recoñecer aos tres proxectos empresariais máis innovadores e axudarlles a súa posta en marcha cunha axuda económica de 3.000 euros e unha formación específica.