CULTURA
Raimundo Amador, protagonista estelar da primeira velada do Vilablués, na que tamén actuará The Soul Jacket Vilagarcía acolle esta fin de semana unha das citas musicais máis importantes e esperadas do ano. Trátase do Festival Internacional de Blues, o “Vilablues” que para a xornada inaugural do venres, 13 de xullo, contará con Raimundo Amador como prato forte dun programa que inclúe a actuación de prestixiosos músicos internacionais e galegos. Dende o venres e ata o domingo, o blues soará por toda a cidade coas actuacións, concertos, baile e jam sessions a celebrar en distintos escenarios da vila.A asistencia é gratuíta.
12.07.2018.- A inauguración oficial do “Vilablues” terá lugar a mediodía na Rúa da Baldosa. Será á unha cando soará o “saxofonazo” co que se abre a fin de semana máis bluseira e internacional do ano. A continuación, e para amenizar á hora do vermú na céntrica zona dos viños actuará a Vilablues Band para ir creando ambiente de cara á noitiña.
A actividade retomarase ás 20:00 horas na Praza da Peixería. Alí, no denominado Espazo Alhambra terá lugar unha sesión de Baile Blues onde todo o que o desexe poderá aprender e practicar algúns pasos cos que acompañar os ritmos máis bluseiros, e o que prefira mirar, tamén pode pasar un bo rato admirando aos bailaríns.
Xa pola noite chega o momento máis esperado desta primeira xornada do Vilablues. No escenario principal da Praza da II República terá lugar o concerto estelar de Raimundo Amador. O pioneiro na fusión da música flamenca co blues, presentará o seu espectáculo “Gipsy Flamenco Blues”, tour no que homenaxea ó seu amigo, admirado guitarrista e bluesman B.B.King, co que tantas veces compartiu escenario. Amador, que se iniciou no musicamente aos 12 anos tocando polas rúas de Sevilla, conta cunha longa e recoñecida traxectoria musical tanto en solitarios como colaborando con outros artistas do panorama nacional e internacional como Camaróan, Paco de Lucía ou Björk, entre outros. En 1977 crea o grupo Veneno, xunto a Quico Veneno e o seu irmán Rafael. En 1981, tamén xunto a Rafael Amador, funda a formación Pata Negra, coa que empeza a darlle vida á fusión famenco-blues, estilo que segue perfeccionando co grupo Arrajatabla nos anos posteriores ata que en 1995 inicia a súa carreira en solitario. Entre as colaboracións máis soadas de Amador, ademais de BB. King, co que compartíu a xira española do americano no ano 2004, cóntanse músicos como Andrés Calamaro, ou Juan Perro.
A actuación de Raimundo Amador comezará ás 23:45 horas pero antes, ás 22.00 horas, no mesmo escenario acturá The Soul Jacket. O grupo galego podería pasar como unha banda de rock sureño como o que se escoita no Mississipi. Recoñecido xa en toda a península, a música de Soul Jacket bebe dunha vasta tradición de blues, country e rock & roll centrada nos Allman Brothers, Bob Dylan e en Fleetwood Mac. Todo bañado pola excelencia instrumental e o bo gusto.
A primeira xornada deste fin de semana do Vilablues 2018 rematará na Praza da Peixería coa Jam Sessión na que participarán distintos músicos do programa a partir das 01.30 horas.